Van alá catro anos dende o 1 de outubro de 2017 cando o pobo catalán deu unha gran lección de dignidade e de mobilización popular, demostrando que a organización do pobo é unha arma chave para loitar contra o réxime do 78 e rachar co Estado español.

Neste aniversario do referendo catalán non podemos deixar de lembrar a brutal represión policial que destapou o inagochábel: o Estado español é un estado antidemocrático e irreformábel, que persegue toda disidencia desde a violencia organizada contra a poboación.

Dende ese 1 de outubro a soberanía do pobo catalán foi perseguida e atacada de todas as formas: a aplicación do artigo 155, a represión e a violencia policial que se dá en cada mobilización popular, a detención das principais cabezas visíbeis do movemento político e a posterior sentencia do procés, a inhabilitación de Quim Torra polo simple feito de pendurar unha faixa… 

O último destes ataques produciuse hai tan só dúas semanas coa detención de Carles Puidgemont en Cerdeña, confirmando que por moita mesa de diálogo que fomente o goberno do Estado, reivindicar a autodeterminación dende a democracia segue penado con persecución policial.

Todos estes acontecementos non fan máis que constatar o que dende o nacionalismo galego vimos reclamando dende hai décadas: é necesario rachar cun estado que emprega a violencia e os sistemas xudiciais para reprimir os ideais e a vontade política dun pobo.

Por todo isto, dende Galiza Nova queremos reafirmar o noso compromiso co internacionalismo e a nosa solidariedade co pobo catalán e con todos os pobos do mundo que loitan pola súa liberdade.

Deixemos claro que abonda xa de represión e que o que se precisa é o respecto á vontade democrática dos pobos e o recoñecemento do dereito á autodeterminación.

Reivindicamos o dereito do pobo galego a existir como nación, convencidas de que o único xeito de rematar cos nosos problemas estruturais é rachando co Estado español e construíndo unha República Galega ao servizo das clases populares.

Leave a Reply

Your email address will not be published.