1-O Aniversario do referendo catalán

O 1 e outubro de 2017 o pobo catalán deu unha lección de dignidade, amosando a súa capacidade de auto-organización. O referendo catalán abriu unha fenda no estado e amosounos que a mobilización popular é unha arma de loita chave para rachar co réxime do 78 e co estado español.

Isto vímolo claramente no nivel de represión exercido polo estado. Desde ese 1 de outubro a soberanía do pobo catalán foi perseguida con diferentes artimañas: Primeiro a través da represión policial contra a poboación civil que de xeito pacífico acudía a exercer un dereito democrático como é votar, despois a aplicación do 155, a detención das principais cabezas visíbeis do movemento político e a posterior sentencia do procés, a montaxe policial cara os integrantes dos CDR acusados de “terrorismo”… O último destes ataques produciuse esta mesma semana coa inhabilitación do presidente Quim Torra polo mero feito de pendurar unha faixa.

Todos estes acontecementos non fan máis que constatar algo que desde o nacionalismo galego vimos denunciando desde hai décadas: non hai reforma posíbel do estado español. Cada vez máis, faise palpábel a necesidade de rachar cun estado que emprega o sistema xudicial para reprimir os ideais e a vontade política dun pobo.

Por todo isto, desde Galiza Nova queremos amosar novamente o noso compromiso co internacionalismo e a nosa solidariedade co pobo catalán e con todos os pobos do mundo que loitan pola súa liberdade. Reivindicamos tamén o dereito do pobo galego a existir como nación, na loita pola independencia e pola soberanía nacional, convencidas de que é o único xeito de rematar cos nosos problemas estruturais é rachando co estado español e construíndo unha República Galega ao servizo das clases populares.