100 anos do asasinato de Rosa Luxemburgo

 

Cúmprense 100  anos do asasinato da revolucionaria  Rosa Luxemburgo a mans de paramilitares da extrema dereita en Berlín, xunto con Karl Liebknecht. Exiliada desde os 18 anos pola súa militancia comezou a loitar desde moi nova para derrubar o imperialismo, o colonialismo e o capitalismo polo seu trato deshuman, buscando un mundo máis xusto e sen explotación.

Nesta data non só conmemoramos o aniversario do seu asasinato, conmemoración e homenaxe que é de xustiza facer nestes tempos nos que a ultra dereita está en auxe, se non que tamén rendemos homenaxe a súa vixencia no discurso e na súa acción. Nun momento no que o fascismo medra sen parar aumentando a xenofobia contra ás persoas migrantes e se impoñen  cada vez máis políticas represivas. Cando sufrimos un colonialismo na nosa pel día a día que  espolia os nosos recursos. No que o capitalismo se agocha detrás dun xenocidio financeiro que nos empobrece e desmantela os nosos sectores máis punteiros. Ao  igual que fixo Rosa Luxemburgo, non disimulamos nin agochamos o noso pensamento, seguimos firmes na procura dun país máis xusto e solidario.

O traballo de mulleres coma o de Rosa Luxemburgo, Alexandra Kollontai, Inessa Armand ou Clara Zetkin entre moitas outras máis, axudaron a construír tamén un mundo mellor para  nós, as mozas,  as mesmas que sufrimos nestes momentos un retroceso brutal nos nosos dereitos máis básicos.

Cando falamos de Luxemburgo, falamos pois, dunha muller revolucionaria, comunista, incansábel loitadora por un outro sistema económico que superase a opresión capitalista que relegaba e relega ás mulleres a un plano secundario. É por iso, polo que nun contexto de total colonialismo do noso país que o único que provoca é desemprego, emigración e precariedade salarial e laboral é moi importante ter presente a figura de Rosa Luxemburgo, non só desde un punto de vista conmemorativo, se non tamén como unha cuestión de loita e reivindicación de clase.

A cen anos daqueles sucesos, a historia segue lembrándonos a súa mensaxe, unha mensaxe de loita inclaudicábel, de fortaleza para enfrontar estes tempos difíciles como o fixo Luxemburgo. Ela no seu día tamén loitou contra esa ameaza fascistas pola que  hoxe en día non podemos baixar os brazos na loita polos dereitos democráticos, pola solidariedade internacional e contra a explotación. As mozas de Galiza Nova, ao igual que Rosa seguiremos loitando por un mundo no que sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.