102 anos do asasinato de Rosa Luxemburgo

No día de hoxe cúmprense 102 anos do asasinato da revolucionaria  Rosa Luxemburgo a mans de paramilitares da extrema dereita en Berlín, xunto con Karl Liebknecht. Exiliada desde os 18 anos pola súa militancia, comezou a loitar desde moi nova para derrubar o imperialismo, o colonialismo e o capitalismo polo seu trato deshumano; na procura dun mundo máis xusto e sen explotación.

Nesta data non só conmemoramos o aniversario do seu asasinato, unha homenaxe que é de xustiza facer nestes tempos en que a ultra dereita está en auxe, se non que tamén reivindicamos a súa vixencia no discurso e na súa acción. Facémolo nun momento en que o fascismo medra sen parar aumentando a xenofobia contra ás persoas migrantes e se impoñen cada vez políticas máis represivas. Cando sufrimos un colonialismo na nosa pel día a día que espolia os nosos recursos. No que o capitalismo se agocha detrás dun xenocidio financeiro que nos empobrece e desmantela os nosos sectores punteiros. Ao igual que fixo Rosa Luxemburgo, non disimulamos nin agochamos o noso pensamento, seguimos firmes na procura dun país máis xusto e solidario.

O traballo de mulleres coma Rosa Luxemburgo, Alexandra Kollontai, Inessa Armand ou Clara Zetkin entre moitas outras máis, axudaron a construír tamén un mundo mellor para nós, as mozas.
Cando falamos de Luxemburgo falamos pois dunha muller revolucionaria e comunista, incansábel loitadora por un outro sistema económico que superase a opresión capitalista que relegaba e relega ás mulleres a un plano secundario. É por iso que, nun contexto de total colonialismo do noso país que o único que provoca é desemprego, emigración e precariedade salarial e laboral, é moi importante ter presente a figura de Rosa Luxemburgo, non só desde un punto de vista conmemorativo, se non tamén como unha cuestión de loita e reivindicación de clase.

Máis de cen anos despois daqueles sucesos, a historia segue lembrándonos a súa mensaxe, unha mensaxe de loita inclaudicábel, de fortaleza para enfrontar estes tempos difíciles como o fixo Luxemburgo. Ela no seu día tamén loitou contra esa ameaza fascista pola que hoxe non podemos baixar os brazos na loita polos dereitos democráticos, pola solidariedade internacional e contra a explotación. As mozas de Galiza Nova, ao igual que Rosa, seguiremos loitando por un mundo no que sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.