letreitoMozas e mozos de Galiza Nova realizaron un acto simbólico perante o Concello de Pontevedra, na denominada Praza de España para reclamar que “non hai nada que celebrar e si moito polo que loitar”.

Na mañá de hoxe deste 12 de ourubro Galiza Nova reivindicou a independencia da nosa Patria,  situando 13 letras na Praza «de España» de Pontevedra. De cada unha delas, as mozas e mozos foron arrincando o que representa España nas nosas vidas. España = 55% de paro xuvenil, España = precariedade, España = imperialismo… son algunhas das consignas que racharon, deixando ao descuberto o obxectivo: a independencia do pobo galego. “O estado español condena a Galiza á dependencia e á miseria e empéñase en anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional”, denunciouse. Denuncian que nos atopamos “ante un sistema totalmente corrompido no que a Constitución é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer”.

En palabras do secretario xeral da formación nacionalista, Alberte Mera, “as políticas do capital levadas a cabo polos gobernos español e galego están centradas unicamente no beneficio das grandes multinacionais e no empobrecemento xeralizado do pobo”. Así mesmo, Mera considera que “estas políticas están obrigando á mocidade galega a emigrar e labrarse un futuro lonxe da nosa terra, deixándoa baleira e abocada á miseria e ao avellentamento da poboación”. Por último indicou que “a autoorganización do pobo galego, sen dependencias nin tutelaxes, é o único camiño para a emancipación nacional”.

As mocidades do BNG entenden que non é tempo de celebracións, senón de denuncia. Por iso poñen hoxe en marcha a súa campaña en defensa dun emprego digno “ante as políticas neoliberais e nefastas do goberno español que hipotecaron o noso futuro e nos condenaron á emigración, a un 55% de desemprego xuvenil e aos traballos máis precarios”.

O acto rematou co cambio simbólico do nome da praza, dándolle a denominación de “Praza da República da Galiza” pois entenden que “ese é o camiño para construír un futuro digno, unha nova Galiza con futuro, emprego digno e liberdade” e finalizaron entoando o himno galego.

Leave a Reply

Your email address will not be published.