12-O: Nada que celebrar e moito polo que loitar

Este 12 de outubro, a mocidade galega non temos nada que celebrar, pero si moito polo que loitar. Denunciamos un ano máis a maior masacre e xenocidio que viviu América Latina na súa Historia coincidindo co que desde España chaman “Día de la Fiesta Nacional”. Pasaron xa 525 anos dende que o antigo Imperio Español deu comezo á colonización de practicamente todo un continente como é o de América Latina e á escravización e exterminio de case toda a súa poboación co mal chamado “descubrimento” de América.

Rexeitamos o Estado Español, un réxime monárquico autoritario que adopta este día coma a súa “festa nacional”. Hoxe, 525 anos despois, o Estado Español continua coas mans manchadas de sangue. Un réxime que se construíu polas armas e con base na eliminación do diferente, impoñendo o criterio centralista dende aquel entón. Como naqueles tempos, e até a actualidade, o proxecto da monarquía española naceu morto, lastrado por unha historia onde a violencia e as tentativas de uniformización son os seus únicos obxectivos, buscando a xustificación para exercer esta violencia e opresión baixo calquera argumento ou tentativa de exercer o lexítimo dereito de autodeterminación dos pobos oprimidos.

Desde 1492 moitos dos pobos colonizados polo Estado Español conseguiron exercer o dereito de autodeterminación, para acadar a liberdade, a soberanía nacional e fuxir do cárcere dos pobos que é o Estado Español. Por iso neste 12 de outubro non temos nada que celebrar, pero si moito polo que reivindicar.

Porque o Estado Español condena a Galiza á dependencia e á miseria, empéñase en anular con todos os seus medios a nosa identidade nacional, a nosa capacidade para producir e construír un futuro digno na nosa terra. España está profundamente corrompida e, ademais, a súa Constitución e todo o seu corpo é amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer e nega a nosa soberanía e lexítima capacidade de decisión.

Queremos decidir o noso futuro, unha nova Galiza con futuro e liberdade depende da mocidade galega.

#NadaQueCelebrar
#IndependenciaGZ