Como cada ano, neste 12 de outubro as mozas nacionalistas non temos nada que celebrar, mais temos todo por denunciar.

Denunciamos un ano máis a maior masacre que viviu América Latina ao longo da súa historia. Pasaron máis de 5 séculos dende que o antigo Imperio español deu comezo á colonización de todo un continente e á escravización e exterminio de case toda a súa poboación no mal chamado «descubrimento» de América.

Rexeitamos ao Estado español e ao seu réxime monárquico autoritario, que adopta este día como o “Día de la Fiesta Nacional”. Un estado que se diga democrático non pode seguir festexando o xenocidio acometido contra a poboación do continente americano.

Un estado que se diga democrático non pode celebrar ter as mans manchadas de sangue case 530 anos despois.

Un estado que se diga democrático non pode continuar coa violencia e a opresión contra as nacións sen estado na súa loita pola autodeterminación.

Fronte a un Estado español que condena a Galiza á dependencia e á miseria, que se empeña en anular por todos os medios a nosa identidade nacional e a de todos os pobos colonizados, dende Galiza Nova chamamos á defensa do pobo galego e dos nosos dereitos fundamentais, polo dereito á autodeterminación do noso país e de todos os pobos do mundo.

Leave a Reply

Your email address will not be published.