120 ANOS DE VISIBILIDADE LÉSBICA NA GALIZA

Conmemoramos hoxe o Día Galego da Visibilidade Lésbica, en lembranza do casamento entre Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga que se produciu hai 120 anos na Coruña. Un fito histórico no que dúas mulleres galegas bravas lograron rachar coa norma social ao ser este o primeiro casamento documentado entre dúas mulleres. Non obstante, isto supúxolles a Elisa e Marcela unha gran persecución pública que as obrigou a refuxiarse primeiramente en Portugal e finalmente na Arxentina. Pese a isto, non foron Elisa e Marcelas as pioneiras, pois a pesar de non ficar documentadas, temos coñecemento doutras unións entre mulleres que se deron no noso País, coma Sancha e María, que na Idade Media viviron en Compostela. 

Un século máis tarde, seguimos soportando sobre nós o peso e a violencia que xera o sistema cisheteropatriarcal, que continúa a estar totalmente inserido na nosa sociedade e dominando o espazo público e que require do noso combate continuado. Ademais, no noso caso, súmanse a esta opresión por mor da nosa sexualidade outras opresións que poden ficar invisibilizadas: o feito de sermos mulleres nunha sociedade patriarcal, sermos pertencentes a unha nación sen estado e formarmos parte da clase traballadora. Desde o sistema, en moitas ocasións preténdese desligar estas loitas coma se non nos atinxisen a todas por igual, atomizarnos e facer as nosas reivindicacións indidiviuais, coma se non fosen chave para o todo o colectivo. Por iso tamén alzamos a voz polos dereitos das mulleres lésbicas migrantes e racializadas, das que teñen algunha diversidade funcional, das mulleres trans. Xuntas multiplicamos forzas para derrubar o cisheteropatriarcado. 

Desde hai anos o movemento LGBT galego vén desenvolvendo homenaxes a Marcela e Elisa coincidindo coa data do seu casamento a través dos que dar visibilidade á diversidade sexual e de identidade de xénero mais tamén continuar a defender os dereitos do colectivo LGBT, especialmente das mulleres. Por iso, ao igual que fixeron hai máis dun século Marcela e Elisa, as mozas galegas loitamos hoxe pola nosa liberdade sexual e de xénero e pola superación de prexuízos e estereotipos que nos exclúen e agreden ás que non encaixamos no modelo tradicional de familia heteropatriarcal, reivindicando a nosa sexualidade e facéndoa visíbel.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.