15 de outubro: Día Internacional das Mulleres Rurais

Rebeca Cambeiro é Responsábel Comarcal de Galiza Nova
en Compostela e ten formación en Antropoloxía e Intervención Social.

“Non hai descanso na súa casa, porque a horta non é unha forma de ocio. A súa horta, a súa casa, forma parte dunha economía do autoconsumo, dunha economía que non versa sobre a especulación de catro señores, unha economía na que se observa, na que se coñece e na que se coida.”

Nuria Romero Vidal, para a revista de “Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas”.

O día 15 de outubro é o Día Internacional das Mulleres Rurais, instaurado polas Nacións Unidas en decembro de 2007. O seu obxectivo principal é o recoñecemento ao papel decisivo das mulleres no desenvolvemento, a seguranza alimentaria e a erradicación da pobreza. 

Representando arredor do 41 % da forza de traballo agrícola, as mulleres de zonas rurais producen máis da metade dos alimentos do planeta. A súa labor é decisiva á hora de garantir alimentación e nutrición, tanto a nivel de fogar como a nivel de poboación. Na liña entre a romantización dos espazos que efectivamente tamén poden ser violentos e a idealización do traballo industrial e da ideoloxía do desenvolvemento, acreditamos en que as mulleres do rural galego son un exemplo de resistencia ás prácticas mercantilizadoras e á falta de salario como disciplina capitalista e patriarcal. Se fosen tomadas como categorías de análise o isolamento e a ocupación dos espazos, no contexto galego as polarizacións serían complexas. Se ben é certo que pode ser nas zonas rurais onde máis posibilidades teñen de manterse as redes de apoio e cooperación veciñais, co desmantelamento do rural e, co mesmo, das actividades comunais, os espazos de socialización (en concreto para as mulleres) víronse reducidos drasticamente nos últimos anos. Produciuse unha dicotomización espacial e unha aniquilación daqueles espazos públicos habitados polas mulleres. Coa desvalorización das actividades agrarias colectivas, a falta de comunicacións entre as parroquias e os núcleos urbanos, os servizos públicos centralizados e precarios e coa cada vez máis difícil posibilidade de vivir e traballar dignamente nun rural galego vivo, as oportunidades de convivencia e lecer fóra do núcleo familiar vense minguadas e poñen ás mulleres en moitas ocasións en situacións graves de soidade e inclusive perigosidade para a súa saúde mental. 

Fotografía de Rebeca Cambeiro

Aínda así, cada vez son máis as mozas e mulleres que apostan por ficar fóra das cidades e loitar por unha diversificación económica e produtiva no rural, polos circuítos curtos de comercialización e pola economía circular e feminista. Do mesmo xeito, xorden tamén moitos proxectos, organizacións e cooperativas a favor dun empoderamento feminista no rural. O certo é que as nosas ferreiras dun mundo mellor foron todas aquelas mulleres obreiras e campesiñas que puxeron os seus corpos para defender a terra no seu sentido máis literal. Nas revoltas de Xove, as Encrobas, Baldaio, Nebra. Nas resistencias, en xeral, pola soberanía alimetaria. Pola soberanía do territorio. 

Dignificar, poñer en valor e mesmo resignificar o traballo das mulleres rurais como chave na ruptura do paradigma, e non coma un “outro” complementario, é tamén poñer en valor a vida e os coidados. É rachar cun sistema-mundo que nos arrebata construír desde o colectivo e a democracia.