O 16-N Folga Estudantil: por unha Lei Galega de Educación

Galiza ten protagonizado nos últimos anos as maiores mobilizacións estudantís en defensa do ensino público galego. Nas folgas do ano pasado conseguimos tirar abaixo un dos aspectos fundamentais da LOMCE como as reválidas, mais non é suficiente, seguen en pé o Decreto do 3+2 na universidade e importantes cuestións da LOMCE.

Chegou o momento de que pasemos á ofensiva e construamos un ensino público galego e de calidade mediante a creación dunha Lei Galega de Educación fronte a lei que proporán os partidos estatais en Madrid e que será continuadora totalmente da LOMCE. A derrogación desta lei retrógrada, elitizadora e españolista e a creación dunha Lei Galega de Educación pensada por e para a comunidade educativa galega é a medida nº 10 das 50 medidas para liberar a mocidade galega.

Por iso, desde Galiza Nova chamamos á mocidade a secundar a folga do estudantado galego do 16 de novembro convocada pola organización estudantil galega, ERGUER. ESTUDANTES DA GALIZA e a saír ás rúas unha vez máis para tumbar dunha vez por todas dende Galiza o modelo educativo do PP, que precariza e españoliza o noso ensino por completo.

É o momento de construír un ensino pensado por e para o estudantado galego, o 16 de novembro o estudantado galego sairá ás rúas para reivindicar unha Lei Galega de Educación.

Erguer convoca mobilizacións ás 12:00 en:

  • A CORUÑA: Praza de Vigo
  • CANGAS: Praza do Concello
  • COMPOSTELA: Alameda
  • FERROL: Edificio da Xunta
  • LALÍN: Praza da Igrexa
  • LUGO: Praza do Seminario
  • MELIDE: IES de Melide
  • MOAÑA: Praza do Concello
  • OURENSE: Subdelegación do Goberno
  • PONTEVEDRA: Praza da Peregrina
  • RIBEIRA: IES Nº1
  • VIGO: Praza América
  • VILAGARCÍA: Praza de Galiza