1º de Maio 2018: cara a folga xeral na Galiza

Neste 1 de maio dende Galiza Nova chamamos a mocidade traballadora galega a participar das mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega.

As actuais políticas do Partido Popular no Estado Español e na Xunta, están batendo con forza entre a mocidade. O desemprego en Galiza continúa a empeorar batindo récords históricos. Porén, o problema real reside na precarización dos contratos. Os contratos temporais ou a tempo parcial seguen a aumentar, é dicir, que a gran maioría das traballadoras que actualmente accede a un posto de traballo faino durante un mes, unha semana ou mesmo días. Mentres, moitas mozas vense obrigadas a coller as maletas e emigrar, ao non teren unha alternativa real na nosa terra.

Desde Galiza Nova, esiximos a posta en marcha de políticas protudivas que garantan os nosos dereitos, como son a eliminación das Empresas de Traballo Temporal, a eliminación das horas extra e redución da xornada laboral a 35 horas, ou a inmediata derrogación das reformas laborais aplicadas polo PSOE e o PP. Apostamos por unha Galiza que sexa capaz de producir postos de traballo dignos e estábeis para a mocidade, garantindo a independencia das mozas e o seu futuro na nosa terra.

É por iso que dende Galiza Nova apostamos pola convocatoria dunha folga xeral na Galiza, apoiando a campaña a prol da súa convocatoria que está a levar a cabo a CIG. A folga xeral é o instrumento da clase traballadora para conquistar os seus dereitos a través da mobilización e a loita na rúa, para conquistar un futuro mellor.

MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS

  • Pontevedra. Praza da Ferrería 11:30h
  • Vilagarcía. Casa do Mar 12h
  • A Estrada. Praza do Mercado 12h
  • Lugo. Edificio Sindical (Ronda da Muralla) 12h
  • Ribadeo. Edificio Sindical (Avda. Da Galiza) 12h
  • A Coruña. Praza de Vigo 12h
  • Cee. Diante do Concello 12h
  • Ferrol. Local da CIG – Avda de Esteiro 12h
  • Compostela. Praza Roxa 12h
  • Ribeira. Praza do Peixe 12h
  • Vigo. Dobrada 12h
  • Cangas. Praza do Concello 18:30h
  • Ourense. Praza Maior 11:30h