1º de Maio. É a hora de recuperar os noso dereitos!

Fronte a un novo 1º de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, chamamos á mocidade galega a participar nas diferentes manifestacións que a CIG ten convocadas por todo o País. Ante o avance das políticas do capital e da constante perda de dereitos que a mocidade galega está a padecer, soportando unha precariedade extrema, é importante respostarmos masivamente nas rúas. A elevadísima taxa de desemprego xuvenil sumada a salarios de miseria conducen en moitos casos á obriga de abandonar o noso país para poder vivir con dignidade.

Temos observado como dende o comezo da crise económica do 2008, máis unha do sistema capitalista, a degradación das nosas condicións de vida é constante, no afán de continuar mantendo indemnes os intereses dos grandes poderes económicos transnacionais. Así, unha minoría acomodada, mantén o seu status e os seus privilexios a conta do traballo desenvolvido pola clase traballadora, nunhas condicións cada vez máis precarias e cuns maiores recortes de dereitos.

Fronte a isto atopámonos cun estado español profundamente corrupto e antidemocrático, onde as políticas de austeridade nos sectores públicos e as reformas laborais e das pensións continúan vixentes, por moito que nos últimos meses houbese no congreso unha suposta maioría de deputados que permitiría a súa derogación.

Ante isto, a única saída pasa pola organización da mocidade traballadora galega e a saída masiva e constante ás rúas. Precisamos unha Galiza que sexa capaz de producir postos de traballo dignos e estábeis para a mocidade, garantindo a independencia das mozas e o seu futuro na nosa terra. Só a través do conflito e a mobilización seremos quen de avanzar na construción dunha Galiza ceibe de explotación.

LUGAR E HORA DAS MOBILIZACIÓNS


Vigo: 12:00 h. A Dobrada.

Ferrol: 12:00 h. Avenida de Esteiro.

Pontevedra: 12:00 h. Praza da Ferrería.

Vilagarcía: 12:00 h. Casa do Mar.

A Coruña: 12:00 h. Praza de Vigo.

A Estrada: 12:00 h. Praza do Mercado.

Santiago: 12:30 h. Praza Roxa.

Ribeira: 12:00 h. Praza do Peixe.

Ourense: 11:30 h. Praza Maior.

Cee: 12:00 h. Diante do Concello.

Lugo: 12:00 h. Edificio Sindical.

San Cibrao: 12:00 h. Casa do Mar.

Cangas: 18:30 h. Diante do Concello.

Leave a Reply

Your email address will not be published.