1º DE MAIO: por unha galiza ceibe e sen explotación

 

Fronte a un novo 1º de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, chamamos á mocidade galega a participar nas diferentes manifestacións que a CIG ten convocadas. Ante o avance da peor face das políticas do capital e da constante perda de dereitos que estamos a sufrir, é importante respostarmos masivamente nas rúas.

As actuais políticas do Partido Popular no Estado Español e na Xunta, están batendo con forza entre a mocidade. O desemprego en Galiza continúa a empeorar batindo récords históricos. Porén, o problema real reside na precarización dos contratos. Os contratos temporais ou a tempo parcial seguen a aumentar, é dicir, que a gran maioría das traballadoras que actualmente accede a un posto de traballo faino durante un mes, unha semana ou mesmo días. Mentres, moitas mozas vense obrigadas a coller as maletas e emigrar, ao non teren unha alternativa real na nosa terra.

Desde Galiza Nova, esiximos a posta en marcha de políticas protudivas que garantan os nosos dereitos, como son a eliminación das Empresas de Traballo Temporal, a eliminación das horas extra e redución da xornada laboral a 35 horas, ou a inmediata derrogación das reformas laborais aplicadas polo PSOE e o PP. Apostamos por unha Galiza que sexa capaz de producir postos de traballo dignos e estábeis para a mocidade, garantindo a independencia das mozas e o seu futuro na nosa terra.

Só coa organización e a loita conseguiremos rematar coa precarización e a emigración e avanzarmos cara a unha Galiza máis xusta. Por iso te animamos a participar das manifestacións da CIG convocadas nos distintos puntos do país para esixir que se poña fin ás reformas laborais  e recuperarmos os nosos dereitos, por unha Galiza ceibe e sen explotación.

HORAS E LUGARES DAS MANIFESTACIÓNS

VIGO – Cruce da Dobrada ás 12:00h

CANGAS – Praza do Concello ás 19:00h

A CORUÑA – Praza de Vigo ás 12:00h

CEE – Praza do Concello ás 12:30h

COMPOSTELA – Praza Roxa ás 12:30h

RIBEIRA – Praza do Peixe ás 12:00h

FERROL – Avenida de Esteiro (local da CIG) ás 12:00h

LUGO – Ronda da Muralla (edificio sindical) ás 12:00h

BURELA – A. Pardiñas (local da CIG) ás 12:00h

OURENSE – Pavillón dos Remedios ás 12:30h

PONTEVEDRA – Praza da Ferrería ás 11:30h

VILAGARCÍA – Casa do Mar ás 12:00h

A ESTRADA – Praza do Mercado ás 12:00h