Tras a declaración do estado de alarma no Estado Español e decretado o estado de emerxencia sanitaria pola Xunta de Galiza, este 1 de Maio non poderemos estar nas rúas exixindo políticas que garantan os nosos dereitos como clase traballadora. Dentro deste contexto entendemos que non podemos ficar caladas. As nosas voces teñen que ter cabida noutros espazos como as ventás e as varandas das nosas casas.

Desde Galiza Nova sabemos que, a pesar do formato da mobilización convocada pola central sindical nacionalista, o carácter combativo desta data tense que manter intacto. En Galiza, a crise sanitaria xerada pola covid-19, sumouse á crise existente no noso país. Unha crise social, industrial e demográfica que atravesamos despois de máis de once anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, encabezado por Alberto Núñez Feijóo. A esta crise súmaselle o proceso recentralizador levado a cabo durante a corentena polo goberno “progresista” do Estado Español, liderado polo PSOE e Unidas Podemos. 

A mobilización social da clase traballadora galega é a única vía para acadar unha saída xusta para para o pobo galego. Por iso, este venres, Día Internacional da Clase Obreira, sumámonos á convocatoria da CIG, que baixo o lema “Protexamos á clase traballadora, non ó capital. Por unha Galiza soberana e con futuro”, chaman á entoar A Internacional ás 12.00h desde as nosas fiestras e varandas coa bandeira da Patria. 

A continuación, poñemos á vosa disposición a letra e himno da Internacional:

A Internacional

En pé os escravos da terra,

en pé os que non teñen pan;

a nosa razón forte berra,

o triunfo chega en volcán.

Crebemos o xugo do pasado,

pobo de servos, ergue xa,

que o mundo vai ser transformado

e unha orde nova vai reinar.

Axuntémonos todos,

é a loita final,

o xénero humano

forma a Internacional.

Axuntémonos todos,

é a loita final,

o xénero humano

forma a Internacional.

Non hai salvadores supremos,

nin rei, nin tribuno, nin deus,

temos que salvarnos nós mesmos,

o Pobo Traballador.

Para que nos devolvan o roubado,

para derrubar esta prisión,

batamos no lume sagrado,

ferreiros dun mundo mellor.

Axuntémonos todos,

é a loita final,

o xénero humano

forma a Internacional.

Axuntémonos todos,

é a loita final,

o xénero humano

forma a Internacional.

Leave a Reply

Your email address will not be published.