Este 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, un día de conmemoración e reivindicación, non vai ser un 1 de maio convencional. Como nada do que está acontecer por mor da crise da COVID19.

Con todo, dentro do excepcional desta situación hai cousas que permanencen igual ca sempre, mesmo revelándose máis intensamente ca nunca.

Por unha banda demóstrase, como sempre berramos na rúa, que é o Traballo o que crea riqueza. Somos as traballadoras e traballadores de todas as nacións quen sostemos o mundo, quen facemos xirar a roda do sistema. Polo tanto, é imperativo que esa riqueza se distribúa de xeito xusto e non se acumule nas mans duns poucos.

Non hai tecnoloxía que poida substituír a clase traballadora. Aínda sendo imprescindíbeis, moitos dos empregos esenciais da nosa sociedade son tamén os menos valorados e os máis precarizados. Boa parte deles son levados a cabo por mulleres, que coidan das persoas maiores ou dependentes, atenden nos supermercados ou reparten comida a domicilio. Malia que as súas mans e o seu saber -en definitiva: a súa forza de traballo- son fundamentais, parece que o Capital considera que pode prescindir da súa saúde ou das súas condicións laborais. Así o demostra o feito que moitas delas acudiran ao seu posto de traballo sen o material sanitario recomendado e sometidas a grandes niveis de estrés. Vímololo na prensa, a onde trascenderon casos como os Gadis ou Citroën, que constitúen só a punta do iceberg da precariedade cada vez máis habitual.

Pero sen dúbida algunha, quen está a padecer esta situación máis intensamente é o persoal sanitario:

Mais a nosa análise sería incompleta se só nos fixáramos na conxuntura actual, xa que moitos dos problemas que observamos agora son consecuencia dunha situacón que tampouco era boa antes da crise da COVID19, sobre todo para a mocidade. Un dato importante é o de que máis da metade do emprego destruído por mor da crise foi o das persoas menores de 30 anos, a pesar de representar unha porcentaxe pequena da poboación activa. Isto débese a que a maioría da mocidade traballaba con contratos precarios, temporais, encadeando contratos de obra, contratados como falsos autónomos etc. É dicir, a inestabilidade dos nosos proxectos de vida é moi elevada. O que o experto Ricardo Antunes deu en chamar a uberización do traballo, un termo que resume elocuentemente o modelo de relación laboral que se está a pór de moda en empresas como Uber, Amazon etc.

Todo isto debemos enmarcalo no noso contexto nacional. Galiza leva anos padecendo unha desindustrialización a marchas forzadas e os nosos sectores produtivos están a ser deliberadamente desmantelados, cada vez con máis présa, co obxectivo de que en encaixemos nun modelo onde a nosa economía estea relegada e terciarizada, cunha dependencia cada vez maior dos intereses económicos foráneos. Deste xeito, a única saída que moita mocidade atopa é a emigración.Isto tamén se fixo patente cando, de súpeto, vimos a moitos mozos e mozas galegas a través dos recadros das súas webcams “atrapadas” nas súas residencias en Madrid, Barcelona e outras cidades. Nalgúns casos, na arrepiante situación de ficar sen traballo, cun caro alugueiro que pagar e sen posibilidade de retornar ao fogar das súas familias.

Esta crise deixou estas e moitas outras eivas do mercado laboral e do sistema á vista. De aí que non se fixeran agardar as voces que pregoan un mundo moi diferente cando a crise remate, e con elas unha miríada de propostas e solucións. Fálase, na liña da retórica bélica que tanto parece gustar aos nosos mandatarios, de resconstrución.

Esta reconstrución pode facerse de dúas maneiras: rescatando aos bancos e ao grande capital, como aconteceu despois da crise de 2008 e abandonando á clase traballadora á súa sorte; ou ao contrario, pode facerse poñendo en primero plano os dereitos da clase traballadora e a xustiza social, así como a soberanía dos pobos para decidir o seu futuro.

Porén, sorpréndenos que un goberno que se di progresista como o Goberno de PSOE e Unidas Podemos, invoque esta idea de reconstrución falando dos Pactos da Moncloa. Uns pactos que, debemos recordar, supuxeron unha opotunidade perdida para a clase traballadora e serviu para apuntalar os privilexios dos poderes fácticos do franquismo.

https://cig.gal/nova/os-pactos-da-moncloa-centran-o-novo-numero-de-comprendermos.html

O que sabemos é que, polo que manifestou o goberno central, as liñas a seguir e as medidas a adoptar non se decidirán en Galiza, como tampouco foi así durante a xestión da presente crise. Decidiranse, como moi cerca en Madrid; mais moitas delas, con seguridade, en Bruxelas. Isto deixa ao goberno de Alberto Núñez Feijóo no cómodo papel de non exercer responsabilidades e de atribuírse os méritos cando as cousas saen ben ou botar a culpa ao goberno central cando non, o que leva facendo desde hai unha década.

Por todo isto, é preciso rachar e superar este sistema para construírmos un mundo novo no que os que creen a riqueza sexan os que a xestionen e onde non haxa unha minoría que perpetúe os seus privilexios mediante a explotación da clase traballadora.

Leave a Reply

Your email address will not be published.