20 de novembro: día da memoria Trans

O 20 de novembro conmemórase internacionalmente o Día da Memoria Trans en lembranza de todas as vítimas da violencia transfóbica. As persoas trans continuamos a ser o branco de múltiples agresións, tanto verbais como psicolóxicas e físicas. Cómpre non esquecer tampouco a violencia institucional que padecemos por parte do Estado, o cal permite a existencia de organizacións coma Hazte Oír, concedéndolle beneficios fiscais e económicos; ou de institucións coma a Igrexa Católica, que desde os seus púlpitos verte discursos cheos de odio e transfobia.

As burlas de carácter transfóbico abundan nas pantallas das televisións e cines, e inundan as redes sociais. As cifras de asasinatos por mor de expresarmos unha identidade de xénero diferente á imposta son verdadeiramente alarmantes. No 2015 coñeciamos o caso de Alan, un rapaz trans de 17 anos que se suicidou despois de anos de acoso e violencia transfóbica. Este caso non é excepcional, pois sabemos que as menores trans son especialmente vulnerables a estas agresións.

Precisamos leis que protexan os dereitos das persoas trans para que a transfobia deixe de ficar impune. Porén, o goberno do Partido Popular continúa facendo uso das súas maiorías parlamentares para impoñer a súa moral fascista, tumbando no Parlamento a proposta de lei galega de identidade de xénero impulsada polo tecido asociativo LGTBI. Dende Galiza Nova e o BNG continuamos a demandar como imprescindíbel unha lexislación que garanta os dereitos das persoas LGTBI e poña fin a todos os atrancos aos que nos enfrontamos para vivir a nosa identidade de xénero libremente.