No Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas desde Galiza Nova queremos sinalar que a explotación sexual segue sendo parte do día a día de moitas persoas no mundo, tamén en Europa e en Galiza, e nunha abrumadora maioría mulleres e incluso nenas.

 

A trata e a explotación sexual das mulleres veñen da man do sistema capitalista que asimila os corpos das mulleres como mercadorías, isto é, primando a obtención de beneficios económicos sobre as vidas das mulleres. As mulleres vítimas da trata e en situación de explotación sexual perden o propio dereito ao seu corpo, pasan a formar parte dun libre mercado sexual que as vende e negocia coas súas sexualidades. E así como é inegable que a trata e a explotación sexual son unha forma máis de violencia machista, cómpre resaltar que a inmensa maioría das vítimas de trata proveñen de países en vías de desenvolvemento, facéndoo non só un problema de xénero, senón de clase.

 

A explotación sexual e a trata conviven nun contexto que obvia a súa existencia mais que tamén a normaliza e isto fai que un “negocio” que no Reino de España move preto de 5 millóns de euros ao día estea lonxe de ser erradicado. O Reino de España obvia ou invisibiliza a situacións destas mulleres no territorio, mentres que emite comunicados condescendentes cando unha rede de trata é descuberta. As políticas que aplica contra a explotación e a trata son meros anuncios televisivos ou multas que parten de Concellos e que castigan ás vítimas e non aos consumidores.

 

Medidas tomadas desde a UE e desde os gobernos e dos estados membro son insuficientes e mesmo incoherentes, tendo en conta o caso de Alemaña que regulariza a prostitución sendo esta a actividade principal á que se destinan as vítimas da trata.

 

A situación de indefensión das vítimas de trata é probablemente das maiores, xa que non só están afastadas das súas familias, amizades, veciñaza etc., senón que ao seren levadas a outros países, atópanse coa barreira do idioma e a cultural en moitos casos, dificultando e mesmo imposibiltando que poidan denunciar a súa situación, polo que entendemos imprescindible unha maior concienciación por parte da sociedade civil como parte da solución, tecendo lazos de solidariedade con quen sufre estas violecias e esixindo políticas reais que leven á desaparición da trata.

Leave a Reply

Your email address will not be published.