24 de xullo: A mocidade galega pola Independencia. Venceremos nós!

rdp_manixuvenilGaliza Nova, xunto a outras sete organizacións xuvenís e estudantís soberanistas, vén de facer pública manifestación xuvenil unitaria que por terceiro ano percorrerá Compostela o 24 de xullo, véspera do Día da Patria, baixo o lema ‘A mocidade galega pola Independencia! Venceremos nós’.

Na mañá deste xoves, Galiza Nova participou da presentación da convocatoria da manifestación do 24 de xullo e do manifesto conxunto, no que denunciamos as problemáticas e ataques que sofre a mocidade galega, nomeadamente o desemprego e o éxodo xuvenil e asumimos a responsabilidade de sumar forzas para a construción dunha alternativa á destrución da nosa nación.

Chamamos a mocidade galega a mobilizarse e participar desta manifestación unitaria, que partirá ás 20 horas desde a Alameda de Compostela, e a unir voces nesta causa para que a nosa forza sexa hexemónica, para autoorganizarnos e avanzar no proceso de autodeterminación para conquistar así a independencia da Galiza, para racharmos co sistema capitalista e patriarcal e construirmos un futuro de dignidade e libradade na nosa Terra. 

Avante a mocidade galega!

 

 

MANIFESTO 24 DE XULLO


cartaz_manixuenilUn ano máis, nós, a mocidade independentista e nacionalista da Galiza, entendemos a necesidade de saírmos á rúa, unidas, para manifestarmos a firme intención de construírmos a nosa propia liberdade, para nós e para a nosa nación. Contra todas as ferramentas que o Estado impuxo, fomos quen de amosar a fortaleza e o futuro dun pobo que non se rende, que se nega a ser preso deste cárcere de nacións asoballadas chamado España.

Por iso nós, mozas e mozos galegos, forza e parte de todo cambio social, rebelámonos contra esta realidade miserenta, damos un paso á fronte para construír xuntas ese soño da liberdade e chamamos á mocidade galega a unir voces nesta causa para que a nosa forza sexa hexemónica, para autoorganizarnos e avanzar no proceso de autodeterminación conquistando así a independencia da Galiza

O Estado agrídenos e procura a eliminación do noso pobo para destruír así a nosa condición de nación. Intenta anularnos a nós, á mocidade, condenándonos á emigración, a engrosar as filas do seu exercito de parados ou a sufrir a explotación en traballos que apenas alcanzan para sobrevivir.

Entenderon que a única forma de acadaren unha asimilación absoluta é a destrución da nosa realidade diferenciada, por iso deixan morrer os nosos maiores e obrígannos a marchar a nós, ficando cada día un pouco máis ferida e baleira a nosa terra.

Afondan día a día na explotación do noso país, extraendo todos os recursos primarios que precisen sen lles importar a destrución do noso medio, sen recordaren as catástrofes ecolóxicas que nos obrigaron e obrigarán a sufrir. Quítannos o noso e só nos dan a oportunidade de sobrevivir coas migallas que nos deixan.

Empregan a educación para asoballaren e destruíren o galego, convertendo, coas súas leis, a nosa cultura e a nosa identidade en elementos folclóricos para o deleite de turistas e políticos do réxime en días de festa, estigmatizando e impedindo o seu uso pola mocidade e nas cidades.

Atentan contra a nosa liberdade como mulleres ceibes de decidirmos sobre o noso corpo e a nosa vida, impondo unha lexislación patriarcal que nos obriga a servir como produtoras de man de obra barata que abasteza ao capital internacional.

Perseguen e criminalizan as protestas sociais nunha deriva autoritaria lexitimada formalmente a través de medidas como a “lei mordaza”, normalizan o secuestro e agresión a activistas coas súas forzas de ocupación, sumando este ano xa numerosas mozas detidas en mobilizacións estudantís e impactantes campañas represivas que se teñen saldado co encadeamento de militantes independentistas para as que reclamamos a fin da dispersión e a súa posta en liberdade!

Mais, malia o presente adverso, tamén existen probas patentes da nosa capacidade para combatermos as ofensivas do Estado e do capital: as loitas do sindicalismo nacional e de clase nos conflitos laborais e nos centros de traballo, do movemento estudantil contra a LOMCE, das mulleres contra a Lei do Aborto, dos movementos en defensa da nosa lingua e das plataformas de solidariedade. Nós, a mocidade consciente, debemos ser quen de nos pór á fronte das mesmas e entender a necesidade de as aglutinar e as entrelazar de cara á súa confluencia no movemento de liberación nacional. Por iso mesmo, chamamos á mocidade a acudir e secundar a mobilización que percorrerá as rúas de Compostela este 24 de xullo.

Estamos fartas de reaccionar fronte os ataques, de ser a constante voz da negativa e da resistencia. Asumimos a responsabilidade de sumar forzas para construción dunha alternativa á destrución da nosa nación, de afrontarmos con valentía o necesario empoderamento xuvenil que combine todos os elementos e ferramentas necesarias e existentes no noso país e que teña unha auténtica vontade por acadar o obxectivo estratéxico polo que leva loitando historicamente a esquerda nacional: A INDEPENDENCIA.

VIVA GALIZA CEIBE!