Érguete polo ensino público galego! 24 de outubro: folga estudantil!

Erguete_polo_ensino_webO vindeiro 24 de outubro todo o ensino galego está chamado a saír á rúa contra a reforma educativa do Partido Popular, que por medio da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) quere facernos retroceder ao modelo educativo do franquismo, acabar co carácter público, universal e gratuíto do ensino e reforzar o seu papel españolizador.

OS PORQUÉS DO NON Á LOMCE. ÉRGUETE POLO ENSINO PÚBLICO GALEGO!

Desde Galiza Nova chamamos á mocidade galega a mobilizarse o día 24 e participar da folga convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que a nosa organización forma parte. Aquí tes os principais ataques que a LOMCE suporá para o estudantado galego:

Imporanse reválidas contínuas para que a maioría do alumnado quede fóra do sistema educativo.

A LOMCE implantará até 4 exames de carácter estatal aos 8, 11, 15 e 18 anos, para segregar e expulsar da educación ao alumnado con máis dificuldades, separando ao estudantado en función das súas cualificacións, para que só unha minoría chegue ao bacharelato e universidade.

Privatizan e desmantelan o ensino público.

O PP recorta no ensino público e discrimina o acceso á educación das familias con menos recursos. A LOMCE elimina o dereito de tod@s a ter garantida unha praza no ensino público, beneficiando á privada-concertada que aumentará a súa financiación pública porque si poderá acoller a demanda que a pública non está en condicións de asumir polos sucesivos recortes.

Queren un ensino para españolizarnos.

Dende que Feijóo e Rajoy chegaron ao goberno, perseguiron os sinais de identidade que nos diferencian como pobo. A súa obsesión céntrase no ensino para conseguir que as mozas e mozos non sintamos autoestima de sermos galeg@s. A partir desta lei, será o goberno central quen determine os contidos das materias a impartir en Galiza, e non a Xunta, que posúe plenas competencias en materia de ensino. Teremos menos contidos sobre a nosa realidade económica, social, cultural ou natural e daráselle prioridade ao ensino en español, marxinando a lingua galega. Favorecerase a escolarización en español e mesmo será posíbel recorrer a prazas en centros privados que, segundo esta lei, deberán ser pagadas con cartos públicos. Como é evidente, estas políticas contan co aval do goberno Feijóo que, durante estes anos, destruíu libros polo feito de estaren en galego e aplicou un Decreto contra a nosa lingua ilegal segundo o Tribunal superior de Xustiza de Galiza.

Educarásenos na ideoloxía rancia do PP, con máis relixión, e favorecerase a segregación do alumnado por sexo.

A LOMCE favorecerá aínda máis a relixión en todo o ensino, tamén no bacharelato. Será considerada unha materia importante, con máis relevancia que a lingua e a literatura galegas. Ademais, este deseño contempla unha materia alternativa á relixión, máis esixente e difícil de superar, coa finalidade de que o alumnado curse relixión, por ser a materia máis doada. Nun estado verdadeiramente aconfesional calquera relixión debera estar fóra das aulas. Ademais, preténdese favorecer aos centros que segregan ao alumnado por razón de sexo en lugar de afortalar un ensino en igualdade.

Estes retrocesos van acompañados de graves medidas como o salvaxe recorte en bolsas aprobado polo Consello de Ministros, o despedimento de máis de 2.500 profesoras/es desde que Feijóo chegou á Xunta, a supresión de ESO e Bacharelato en numerosos centros provocando a masificación das aulas e a perda de calidade do ensino ou a implantación do copago nos comedores escolares.
Desde Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, levamos moito tempo mobilizándonos na defensa dos nosos dereitos e por iso chamamos á folga estudantil do 24 de outubro. Porque queremos amosar que as mozas e mozos galegos non nos resignamos e que imos impedir que destrúan o ensino público.

O ensino é un dereito, e non un privilexio!