25 anos loitado pola SoberaníaGZ: Galiza Nova (1988-2013)

Galiza Nova cumpre 25 anos do seu nacemento. Foi no Día da Patria de 1988 cando a organización da mocidade nacionalista saíu por vez primeira á rúa. Falamos con algunhas das persoas que participaron da fundación de Galiza Nova para saber máis das motivacións do seu xurdimento e cales foron as primeiras experiencias e loitas.

Catuxo Álvarez. I Portavoz Nacional.

A fundación de Galiza Nova respondía á necesidade de crear unha organización xuvenil nacionalista máis ampla da que xa existía. Neste senso, pretendía aglutinar ademais do movemento estudantil, como facía ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), aos distintos movementos sociais, culturais… nos que participaba a mocidade.

Manuel Antelo. II Portavoz Nacional.

Cando comezamos fundando Galiza Nova tivemos que iniciar moitas liñas de traballo que nunca abordáramos, pois a experiencia previa tiña a ver co movemento estudantil e pouco máis. Por iso as reunións eran abertas e asemblearias, para empaparnos do que se facía e ir construíndo liña, sobre a que basear o programa e a acción. Participaba a incipiente militancia e moit@s achegad@s con implicación no antimilitarismo, o ecoloxismo, o feminismo, o asociacionismo… Foron tempos de ilusión como protagonistas na construción dunha organización xuvenil nacionalista.

Bieito Lobeira. III Secretario Xeral.

Unha das principais loitas que puxemos en marcha dende o inicio de Galiza Nova foi a oposición ao Servizo Militar Obrigatorio no exército español. Galiza converteuse -xunto con Euskal Herria- no país no que a mocidade rexeitou de xeito máis contundente a institución militar española pola vía dos feitos: máis da metade dos mozos galegos en idade de incorporación a filas, optaron pola vía da obxección ou da insubmisión. A nosa campaña foi moi intensa, e tamén dura. Sensación de tristura, mais tamén de imenso orgullo, a que tiñamos cada vez que despedíamos a un compañeiro ás portas dunha prisión. Foi un orgullo compartir militancia con compañeiros de Galiza Nova que naquela altura o deron todo, absolutamente todo, por esta causa.

Anxo Noceda. Cofundador.

Non foron poucas as mobilizacións das que fixo parte Galiza Nova, mais das que mellor recordo e aprendizaxe teño son aquelas nas que os mozos e mozas do BNG pouco ou nada tiñamos feito até aqueles anos, e polo tanto tivemos tanto que elaborar a nosa propia definición teórica como concretar a nosa práctica, resaltando de xeito especial o que foi a incorporación de Galiza Nova á loita -xa existente- contra o Servizo Militar Obrigatorio no Exercito Español, e moi especialmente na súa concreción na loita a prol da Insubmisión. Na mesma loita antimilitarista é obrigado resaltar as campañas e mobilizacións desenvolvidas –xunto con outras organizacións- na contra da invasión do Iraq na 1ª Guerra do Golfo en xaneiro de 1991.

Paz Abraira. I Responsábel Nacional de Ensino Medio.

Ao comezo os debates centrábanse na organización interna. Mais en canto á mocidade sobre todo o obxectivo era ampliar o noso traballo e presenza organizada e abarcar outros campos que non fosen só os estudantís, mais sen deixar este de lado. A principal lembranza que gardo é a enerxía e as ganas de facer cousas. O desexo de abarcalo todo e aprender de todo e de todos e todas.

Duarte Correa. Cofundador.

Galiza Nova é unha escola de nacionalistas, somos moit@s que pasamos pola organización xuvenil e hoxe mantemos militancia ou asumimos responsabilidades noutras organizacións do nacionalismo. Para min esa continuidade débese a que mentres outr@s consideraban e consideran a etapa de militancia xuvenil unha burbulla ou un simple “momento revolucionario” na súa biografía que permite contar “batalliñas” tomando unhas copas,  no nacionalismo galego sempre fomos conscientes da necesidade de facer política xuvenil desde unha perspectiva global pois a mocidade tamén está afectada polas agresións contra os dereitos laborais, lingüísticos, sexuais…..Ser de Galiza Nova é facer nacionalismo entre e desde a mocidade, e por lóxica ao deixar de ser moz@  segues aportando ao proceso colectivo de liberación nacional e social de Galiza desde outros ámbitos.

Montse Prado. Cofundadora.

A creación de Galiza Nova foi un acerto dado que abriu novos campos de actuación ao nacionalismo. Até ese momento,  agás no estudantado coa existencia de ERGA, non tiñamos un traballo definido e planificado a nivel nacional no ámbito xuvenil, e todo dependía da vontade e do activismo de moz@s que en diversas localidades estabamos no BNG e como no meu caso facíamos nacionalismo no movemento veciñal, cultural… Galiza Nova permitiu que nos coñeceramos, coordinar actuacións, definir alternativas de política xuvenil desde unha óptica nacionalista e incluso implantar o BNG en lugares nos que anteriormente non existía. Á nova militancia animaríaa a ser insubmisa á actual situación e enfrontarse a quen lles queren roubar o futuro como persoas e como galeg@s.

Leave a Reply

Your email address will not be published.