25 DE XULLO: DÍA DA PATRIA GALEGA!

Perante un novo Día da Patria Galega, Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) chama a toda a mocidade galega a participar da manifestación nacional que partirá o 25 de xullo ás 12 horas desde a alameda de Compostela, e animamos a participar na comitiva xuvenil formada por Galiza Nova

Os actos polo Día da Patria, darán comezo a tarde do 24 de xullo, onde Galiza Nova organiza a Homenaxe da Mocidade a Rosalía e Castelao, símbolos da loita pola liberdade do noso pobo e exemplos da defensa dos nosos dereitos. O acto, que decorrerá a partir das 17:30h do luns 24 de xullo no Parque de Bonaval, contará coas intervencións políticas de Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento Galego e integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova, e de Navia Rivas, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova.

Despois das intervencións políticas disfrutaremos da actuación musical do grupo de rock galego Superoito, e ao seu remate terá lugar a tradicional ofrenda floral a Rosalía e Castelao no Panteón de Galegos Ilustres.

O punto final da homenaxe poñerao unha ruada para reivindicar a independencia de Galiza como solución á situación de precariedade que ten que afrontar a xente nova no noso País. A ruada partirá ás 19:15h dende o Parque de Bonaval e chegará ata a Alameda.

Ás 20:00h participaremos da manifestación xuvenil pola independencia, onde reivindicaremos por quinto ano consecutivo xunto a outras organizacións xuvenís, estudantil e colectivos sociais soberanistas a independencia nacional de Galiza para poñerlle fin aos problemas estruturais da mocidade galega.

Ao remate desta manifestación dará comezo a XVI edición do Festigal, un festival que encherá o Campus Sur de diversas actividades culturais e actuacións musicais a partir das 22:00h e durante todo o día 25 de xullo.

Dende Galiza Nova chamamos á mocidade a rebelarse contra as políticas que nos oprimen e que son a causa das problemáticas que afectan á xente nova: a precariedade laboral, a emigración e a inexistencia dun futuro digno no País.

Contra as opresións e ataduras impostas polo Estado español, rebélate, organízate e loita!

Leave a Reply

Your email address will not be published.