26 abril: construíndo orgullo

Neste 26 de abril, Día da Visibilidade Lésbica, Galiza Nova inicia a campaña “Repara o concello” tinguindo o gris coas cores da diversidade, para construír orgullo e gañarmos visibilidade nas rúas no día a día. Dende Galiza Nova reivindicamos esta data, máis que necesaria perante a invisibilización das mulleres lesbianas na Galiza actual. Sumámonos ao conxunto de voces que na nosa nación e no mundo loitan a prol das liberdades sexuais e da superación de prexuízos e estereotipos que exclúen e agreden as persoas que non encaixan no modelo de familia heteropatriarcal.

Dentro da discriminación que sofre o colectivo LGTBI, non podemos esquecer que, máis concretamente, as mulleres lesbianas galegas padecemos unha tripla discriminación polo feito de sermos mulleres, por termos unha sexualidade que non se axusta á norma estabelecida, e por vivirmos na Galiza, unha nación oprimida. A isto súmase unha invisibilización que agocha os nosos problemas e fai que non sexamos recoñecidas na sociedade coma o que somos.
Boa parte desta discriminación vén causada directamente polas políticas reaccionarias, misóxinas e heteropatriarcais impostas polos gobernos do Partido Popular. Cómpre lembrarmos que a reforma sanitaria, procedente do goberno do PP do estado español, exclúe dos tratamentos de reprodución asistida a todas as persoas que non se enmarquen no modelo de familia heteronormativa, defendida pola dereita máis rancia. Esta medida afecta de forma directa a mulleres lesbianas e nais solteiras, e nega o dereito a ser nai a moitas mulleres mentres se procura impor a maternidade a outras (con políticas antiabortistas). Dende Galiza Nova defendemos o dereito de calquera muller de ser nai se así o desexa, e polo tanto defendemos que calquera muller poida ser usuaria dos tratamentos de fecundidade sen que este teña que vir definido por condicións impostas.

Do mesmo xeito, denunciamos a invisibilización que as mulleres lesbianas tenden a padecer no propio marco do movemento feminista e LGTBI organizado e lanzamos un chamamento ao conxunto do feminismo galego e da loita LGTBI para artellarmos unha resposta colectiva que, para alén da loita a prol da emancipación das mulleres, traballe tamén cara á visibilización das reivindicacións e dereitos das mulleres lesbianas.

Dende Galiza Nova avogamos por un modelo de familia e de relacións entre as persoas que supere os preconceptos e as categorías que fomenta o sistema opresor no que vivimos. Amosamos o noso compromiso de loitar por unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria na que ningunha persoa sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Por iso, reivindicamos a soberanía dos corpos e tamén unha sexualidade libre, segura e gozosa.

Comisión de liberdades sexuais e diversidade de xénero de Galiza Nova