27S Defensa da terra, futuro para os pobos

Desde Galiza Nova chamamos á mocidade a apoiar todas as mobilizacións que loiten por unhas mellores condicións de vida para o pobo. Neste senso, o reto que supoñen as alteracións climáticas e os conflitos ambientais debe ser enfrontado mediante unha maior e mellor organización do movemento ecoloxista, o cal apoiamos a través da nosa organización de referencia: ADEGA. Desde un punto de vista estratéxico, consideramos de extrema importancia que se aborde unha axenda galega de defensa do medio ambiente, en contraposición ás visións abstractas, individualistas e globalizadoras dalgunhas organizacións “verdes” españolas e transnacionais.

O necesario equilibrio entre desenvolvemento e sustentabilidade é inalcanzable baixo un sistema que ten a explotación das traballadoras e do medio como base para a súa supervivencia. No capitalismo é preciso tratar diversos pobos e territorios como colonias das que extraer recursos de xeito barato, unha función que Galiza cumpre en parte grazas á instalación de multinacionais da minaría, pasteiras ou eléctricas; sempre co beneplácito do goberno central e dun PPdeG totalmente entregado aos intereses das grandes corporacións. Pero o necesario desmantelamento ou reconversión das industrias máis lesivas non se debe realizar sen poñer sobre a mesa unha transición xusta para as súas traballadoras e un plan de específico para evitar a desindustrialización de todas as comarcas do país.

Por outro lado, queremos incidir na necesidade de combater esta grave crise climática e ambiental cunha ollada colectiva. Todas nós temos o deber de actuar de xeito responsable nos nosos hábitos de consumo ou de desprazamento, mais non debemos cair no discurso imperante, que responsabiliza directamente á cidadanía. As accións con maior repercusión son as impulsadas desde os movementos sociais organizados para enfrontar as causas estruturais do problema, e que van destinadas a acoutar a actividade das grandes empresas contaminantes e a crear alternativas políticas baseadas no desenvolvemento social e tecnolóxico. É por iso que a verdadeira loita é contra os grandes focos de contaminación e de emisión de carbono, sempre sen descoidar as campañas de concienciación e o impulso á compostaxe e outros métodos de redución da pegada ecolóxica.

Por todo isto, queremos amosar o noso apoio á convocatoria de folga que ven de lanzar o estudantado galego organizado en Erguer para o vindeiro 27 de setembro. Consideramos de vital importancia volver a mobilizar os centros de ensino, e facelo cunha vontade de autoorganización e combate do sistema capitalista, causante da depredación do medio e dos maiores impactos e agresións cara a terra. Baixo estas premisas, as mobilizacións e actos que se organicen na liña de denunciar a explotación colonial dos nosos recursos naturais e a necesidade dun cambio de paradigma de crecemento económico contarán coa nosa participación activa.

Polo noso futuro, polo futuro da nosa terra e de todos os pobos do mundo.

Leave a Reply

Your email address will not be published.