28 de xuño: Queimemos a LGTBIfobia!

Hoxe conmemórase o día do Orgullo LGTBI en todo o mundo, en lembranza das revoltas acontecidas en 1969 en Nova Iorque nas que o colectivo LGTBI se enfrontou á policía e ao sistema opresor na defensa dos seus dereitos. Anos máis tarde estamos vivindo un momento no que as nosas sexualidades continúan a ser agredidas e marxinalizadas, incluso dende as institucións de goberno. Isto acontece mentras se nos intenta convencer de que gozamos dun recoñecemento absoluto dos nosos dereitos e se mercantiliza e desvirtúa a nosa loita.

No estado español, o delito de odio máis denunciado é a LGTBIfobia, por diante incluso do racismo ou a xenofobia. Mais nestes días asistimos a un importante lavado de cara dos sectores máis reaccionarios da sociedade, onde se amosa un falso compromiso co noso colectivo.

Resulta intolerábel que mentras o Partido Popular falaba de loita contra a LGTBIfobia, a alcaldesa de Forcarei participe nunha agresión homófoba a un mozo da vila. É inaceptábel que a máxima responsable do concello forme parte deste tipo de actos e que Feijoo e o seu goberno miren cara a outro lado. Por esa razón pedimos a destitución da Alcaldesa de Forcarei.

Estamos fartas de agresións LGTBIfóbicas e da impunidade da que gozan. Casos coma este ou os ataques de organizacións como Hazte Oír non poden quedar sen consecuencias.

Precisamos unha lexislación firme e clara que garanta os nosos dereitos e que poña fin a calquera discriminación por mor da nosa identidade de xénero ou orientación sexual cun réxime sancionador para os delitos de odio. Reclamamos o noso dereito a vivir a nosa sexualidade e identidade de xénero libremente.