31M. DÍA DA VISIBILIDADE TRANS

Conmemórase hoxe internacionalmente o Día da Visibilidade Trans, e desde Galiza Nova sumámonos a esta xornada de reivindicación. 

Seguimos constatando a necesidade de avanzar para erradicar a transfobia e a LGBTfobia da nosa sociedade. A discriminación e a violencia por mor da identidade de xénero de cadaquén é preciso que sexa combatida con firmeza. Ademais, atopámonos actualmente nunha complexa situación na que os dereitos das persoas trans volven a estar cuestionados por grupúsculos por todo o mundo, tamén no caso do estado español. Posturas tránsfobas que se serven do altofalante das redes sociais para espallar o seu ideario. Ademais, desde estas persoas faise uso do argumentario feminista ou obreirista para apoiar nel a súa ideoloxía de odio e difundir desde aí un discurso alarmista e conspiranoico que se vale de reducións bioloxicistas absurdas e fontes de dubidosa orixe para a súa xustificación. Incluso chegamos a ver en moitas ocasións como figuras trans-excluíntes se aliñan e chegan a compartir argumentario con organizacións da extrema dereita. 

Por iso é preciso que a reacción sexa clara e firme na defensa dos dereitos das persoas trans. É precisa unha reforma educativa que permita que as crianzas poidan medrar libres da violencia transfóbica e cun profesorado que estea formado de xeito rigoroso para que as aulas sexan o lugar seguro que sempre deben ser. Do mesmo xeito, tamén é preciso incrementar a formación do resto de persoal que desenvolva traballos da Administración pública, nomeadamente no caso da sanidade galega. Atendendo ao sistema sanitario, cómpre unha homoxeinización e actualización de protocolos de atención a persoas trans respondendo ás propias denuncias e demandas que se veñen dando desde o colectivo trans galego. 

Precisamos unha Lei Galega de Identidade de Xénero, que sexa despatoloxizadora e recolla tódalas demandas que se veñen facendo desde o colectivo trans galego e que se convirta nun instrumento de loita contra a discriminación e a transfobia. Por iso denunciamos unha vez máis a actitude das forzas políticas que continúan a poñer atrancos para desviar estes debates e impedir melloras lexislativas a todos os niveis para as persoas trans. 

Desde Galiza Nova animamos a toda a mocidade galega a sumarse ás concentracións de apoio convocadas polos colectivos trans galegos para hoxe mércores ás 20h, respectando en todo momento as medidas de hixiene recollidas contra a COVID19 (uso de máscara de protección e mantemento da distancia de seguridade):

 

  • A Coruña: Praza de María Pita
  • Santiago: Praza 8 de marzo
  • Vigo: Museo de Arte Contemporáneo
  • Pontevedra: Praza de España
  • Ourense: Praza Maior

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.