40 anos de Constitución Española: 80 de Franquismo

O 6 de decembro deste ano 2018 cumpriranse 40 anos da aprobación da constitución española, dando continuidade ao réxime franquista e instaurando o Reino de España tal e como o coñecemos. A consolidación das elites políticas, burguesas e xudiciais do réxime franquista fixo que a época actual non sexa máis ca unha prolongación do franquismo, vivindo xa 80 anos neste rexime.

Este é un rexime emanado do golpe militar do 18 de xullo de 1936 e a chamada “modélica transición” e a Constitución do 1978 non foron máis ca unha cortina de fume para tentar camuflalo coma un estado democrático trala morte de Franco, pactadas polas forzas do réxime e máis a esquerda española. O nacionalismo galego, consciente desta manobra, estivo en contra da aprobación da constitución no ano 78 e seguimos a estalo agora, por ser unha constitución negadora da nosa realidade como nación, que prima o pago da débeda ao gran capital antes dos servizos públicos, que blinda unha institución anacrónica como é a monarquía, e que é empregada como arma polo fascismo para reprimir calquera movemento que loite pola liberdade.

Por se fora pouco, un dos argumentos máis habituais na defensa da constitución española é que houbo un referendo no cal saíu aprobada. Porén, isto foi hai 40 anos, e a grande maioría do pobo galego, e en concreto a mocidade, non puidemos votar esa constitución nun referendo totalmente condicionado polo medo á volta da ditadura na altura do 78 e na que o lavado de cara do franquismo foi apoiado pola grande maioría das elites políticas españolas.

Os grandes poderes do estado viven actualmente da explotación continuada das nacións sen estado, e é rachando con ese negocio millonario, acadando a nosa independencia, a única maneira de destruír o réxime do 78. Por iso o estado español, que serve os intereses do grande capital, non permite nin que democraticamente se debata sobre a soberanía das nacións sen estado, pois sería o derrubamento do seu grande negocio, mentres a Unión Europea é totalmente cómplice destas actitudes antidemocráticas.

Desde Galiza Nova chamamos a participar no acto convocado polo Bloque Nacionalista Galego para este 6 de decembro en rexeitamento da Constitución Española e de todo o que implica. Debemos saír á rúa reivindicando o noso dereito a vivir en democracia, a existir como nación, a exercer o noso dereito á autodeterminación para rachar co sistema español carcomido pola corrupción, e en definitiva a constituír a República Galega que rache con estes 40 anos de Constitución Española e os 80 de franquismo.