MONCHO REBOIRAS, A LOITA CONTINÚA

Hoxe cúmprense 42 anos do asasinato por parte da Policía Española do compañeiro Xosé Ramón Reboiras Noia, tamén coñecido como Moncho Reboiras, mozo e militante nacionalista durante a década dos anos 70.

Para Galiza Nova é fundamental reivindicar unha figura coma a de Moncho Reboiras, que á súa curta idade se convertera xa nun referente do nacionalismo galego do momento. Á altura de 1975, con 25 anos, Moncho Reboiras foi asasinado pola policía do réxime franquista polo perigo que representaba para este un cadro do nacionalismo da súa mocidade, con tanto futuro e tanta capacidade de organización do movemento antifranquista e do pobo galego en xeral.

Reboiras foi clave durante a década dos 70, un momento fundamental para o nacionalismo galego e un momento clave na construción da conciencia nacional no pobo galego. Neste momento impulsouse a autoorganización do pobo galego en todos os eidos posíbeis, coa creación de organizacións coma ERGA no estudantado, as Comisións Labregas no mundo agrario, ou a Asemblea Nacional-Popular Galega, antecedente directo do actual BNG. En concreto Moncho Reboiras foi unha peza chave na creación do movemento sindical galego, participando na fundación do SOG, o xérmolo do sindicalismo nacionalista que hoxe temos encarnado na CIG.

O rexime franquista, xa en descomposición, tiña moi claro que movementos debía tratar de desarticular. Daquela, e tamén hoxe, a ruptura coa podremia do estado español virá unicamente dos movementos de liberación nacional, e estes movementos só teñen razón de ser baixo o principio de autoorganización. Polo seu patriotismo, a súa intelixencia na acción e o seu inxente traballo, foi asasinado, mais mentres sigamos a reivindicar a súa figura e traballando nas mesmas coordenadas ideolóxicas no camiño da liberación nacional e social da Galiza, o seu legado seguirá vivo por sempre.