5 de xuño, día mundial do medio ambiente

Este 5 de xuño é o Día Mundial do Medioambiente. Dende Galiza Nova seguimos a denunciar a desprotección e as continuas agresións que sofre o noso medio, ben por intereses comerciais que explotan recursos naturais para enriquecemento duns poucos, ou ben por simple incompetencia e complicidade dos gobernos que están a fronte das institucións e o permiten.

Nos últimos meses, diversos colectivos vimos denunciando estes atentados ecolóxicos, como o uso de químicos na fumigación de montes, a contaminación das rías, as verteduras contaminantes a ríos e regatos ou o desmantelamento do servizo de incendios. Precisamente, o monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do noso País, mais os incendios seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra, pois causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. E mentres unha vaga de lumes forestais ataca o noso País, o goberno do PP na Xunta de Galiza continúa improvisando e mermando os dispositivos de extinción de incendios, mais sen incrementar os esforzos e os investimentos en prevención.

Dende Galiza Nova defendemos unha planificación territorial que pule polo desenvolvemento sostible e respectuoso co medio natural. Por iso rexeitamos as actuacións regresivas para o medio que se poñen en marcha dende o goberno español , dende a Xunta de Galiza e dende os concellos.

A mocidade do BNG apostamos pois por incrementar a sensibilización ambiental todos os días do ano, fomentando a educación ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio.