Artigo de Xabier Fernández Jardón, compañeiro de Galiza Nova Ourense-O Carballiño.

Esa foi unha das frases que o meu amigo e máis eu nos repetíamos cando tratábamos de convencernos de que non estábamos perdendo diñeiro, que era como se fósemos a tomar algo e pedíramos varias consumicións ou foramos a ver unha película o día do espectador. Pero non era o mesmo, nunca o foi.

O cine ou tomar algo non nos creaba esa necesidade preocupante e angustiosa de volver a xogar para intentar recuperar o diñeiro que o día anterior ou mesmo horas antes perderamos. Non queríamos volver a casa sabendo que fóramos tan estúpidos de entrar a formar parte de esa maquinaria capitalista que son as ruletas e as casas de aposta; sempre era o mesmo «se recupero non volvo» ou «último día, gañe ou perda», pero nunca o era. Sempre volvíamos presa da ansiedade de perder semellantes cantidades de diñeiro que fillos de xente de clase obreira coma nos, non se podían permitir perder baixo ningún concepto.

“Bah, total por 5 euros non vou morrer e, é case como ir tomar algo”

Sen darnos conta entramos na mecánica básica deste tipo de produtos; a ilusión de que se segues xogando chegara un momento no que por estatística terás que gañar non? Non. A través de diversos anuncios que se exhiben constantemente na televisión e nas redes sociais, ao entrar e ver esas grandes sumas de diñeiro nas pantallas que exhiben… todo iso esta deseñado para facerte crer que ti es diferente, que ti non vas caer na tentación e que xogarás, gañarás e marcharás para casa feliz e pode ser que iso pase, hai xente con sorte, pero unha de dúas: Se gañas volverás por máis e se perdes volverás para recuperalo. En ambos escenarios, no momento no que metiches o primeiro mísero euro xa pasaches a formar parte dunha maquinaria moito máis grande, da que ti tan só es unha pequena peza.

Por suposto este tipo de produtos están sempre dirixidos ás clases populares, aquelas persoas vulnerables de caer no falso soño do ascenso social, ás persoas que non lles sobra nin un euro e algo extra nunca lles ven mal;  diríxense a eles con slogans que din cousas como: «crea a tua propia sorte» para que penses que se non tes sorte ti es o único culpable de iso e que si perdes cando xogas e porque estalo facendo mal e non porque en realidade o xogo está feito para que nunca gañes e sempre deixes ata o último dos teus cuartos nel.

As casas de aposta, as ruletas, os casinos… todos son un veleno, agóchanse debaixo de slogans que din fomentar o xogo con responsabilidade cando  en realidade sempre están buscando a maneira de producirte estímulos sonoros, visuais… para que queiras xogar. Non sei se a solución sería pechar todas ou restrinxir os horarios de apertura pero si sei algo, hai que eliminar esta falsa crenza de que se pode gañar, de que son lugares nos que cunha xogada podes gañar e gañar e gañar, solo vas gañar cando eles queiran que o fagas e gañaras a cantidade que eles queiran, porque so es unha peza mais do engrenaxe.

Leave a Reply

Your email address will not be published.