A nosa terra o primeiro: medidas de ecoloxismo

41- Equilibrarase sustentabilidade e desenvolvemento, garantindo ao mesmo tempo o futuro do medio natural da Galiza e a creación de postos de traballo para que a mocidade non teña que emigrar.

42– Permitirase aproveitar e xestionar os nosos propios recursos de xeito eficiente e sen prexudicar o medio, mediante a adopción do modelo económico a un futuro sen enerxías fósiles.

43- Investirase nunha maior prevención de incendios forestais, así como un pacto de País para a ordenación do modelo forestal e usos do monte galego, que inclúa a expulsión de Ence da ría de Pontevedra e a deseucaliptización da Galiza.

44- Promoverase o respecto e a protección animal, e que inclúan as modificacións
necesarias para que se prohiba a realización de touradas e outros espectáculos con animais na Galiza

45– Apostarase por un modelo de xestión de residuos baseado nos 3 R e no impulso da
compostaxe, que supere o modelo de SOGAMA por ineficaz, esgotado e contaminante, con estratexias como o punto de incineración cero ou o Plan G.

Termos máis soberanía implicará termos tamén capacidade de decisión para xestionar o noso medio. E por que é isto importante? Porque son necesarias medidas que equilibren desenvolvemento e sustentabilidade para garantir o futuro do medio natural, dos nosos sectores produtivos e, polo tanto, do futuro da mocidade na Galiza.

Cal é a situación actual? Podemos facer unha pequena análise. Comezando polo máis coñecido: Ence. Ademais do importante foco de contaminación atmosférica e mais da ría que representa a pasteira, Ence situou á Galiza como segundo produtor mundial de eucaliptos, por detrás de Australia, cun total do 17% do País galego ocupado por eucaliptos. Ence non só non crea emprego, senón que o destrúe ao non permitir a instalación de industrias limpas, ao eliminar hectáreas de solo agrario, e ao contaminar toda a zona de Lourizán, unha área de marisqueo potencial. E, ademais, Ence é unha empresa que tributa todos os seus impostos en Madrid: polo tanto, cero beneficio para Galiza.

Pero Ence non é a única industria contaminante na Galiza. De feito, segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, Galiza é o segundo territorio máis contaminado da Península. Este informe sitúa o noso País á cabeza nas emisións de flúor, mercurio e compostos perfluorocarbonados; e en segundo posto en emisións de gases de efecto invernadoiro. Todo isto sen ter ningún efecto positivo nas taxas de emprego, a diferenza das potencias mundiais que garanten o seu desenvolvemento a expensas do seu medio natural, como se veu e se ve no compromiso destes Estados cando asinan tratos e acordos medioambientais como o Protocolo de Quito ou os Acordos de París. Outro exemplo podémolo atopar no número de presas que teñen os ríos galegos. A pesar de sermos exportadores de enerxía eléctrica, non obtemos ningún tipo de beneficio nin redución no seu prezo.

Termos máis soberanía implicará termos tamén capacidade de decisión para xestionar o noso medio. E por que é isto importante? Porque son necesarias medidas que equilibren desenvolvemento e sustentabilidade para garantir o futuro do medio natural, dos nosos sectores produtivos e, polo tanto, do futuro da mocidade na Galiza.

Por todo isto, polo estado do noso medio, tamén podemos confirmar a situación de colonialismo á que está sometida Galiza. Vivimos nun País rico pero espoliado e degradado polo grande capital. Galiza pode ser potencia en pesca, en produción de enerxía, no agro, na industria…

A pregunta que hoxe en día se fan moitas galegas é: pode Galiza constituírse como unha república independente? Pode. Pero para que así sexa temos que facer unha xestión sustentable do medio, equilibrando sustentabilidade e desenvolvemento, garantindo ao mesmo tempo o futuro do medio natural da Galiza e a creación de postos de traballo para que a mocidade non teña que emigrar.

Ademais, xestionar nós os nosos propios recursos de xeito eficiente e sen prexudicar o medio, mediante a adopción do modelo económico a un futuro sen enerxías fósiles, é a única forma de manter os nosos sectores produtivos e, polo tanto, a única forma de garantir o futuro da República Galega.

Para isto é necesario tamén investir nunha maior prevención de incendios forestais, así como un pacto de País para a ordenación do modelo forestal e usos do monte galego, que inclúa a expulsión de Ence da ría de Pontevedra e acadar así, finalmente, a deseucaliptización da Galiza.

Na República Galega promoverase o respecto e a protección animal, apostando polas modificacións legais necesarias para que se prohiba a realización de touradas e outros espectáculos con animais na Galiza.

Apostarase por un modelo de xestión de residuos baseado nos 3 R’s e no impulso da compostaxe, e que supere o modelo de SOGAMA por ineficaz, esgotado e contaminante, con estratexias como o punto de incineración cero ou o Plan Galego de Compostaxe, como única vía de garantir o futuro da mocidade na Galiza.

En definitiva, só dende o punto de vista da sustentabilidade pode funcionar a República Galega, pois debemos coidar os nosos recursos naturais e o noso medio para poder manter o proxecto político que defendemos.

Aínda que exista o prexuízo de que Galiza é un País pobre, vivimos nun País con moitos recursos que, xestionados cunha óptica ecoloxista, poden mellorar a realidade material da Galiza.