Feminismo sen tregua

11- Na República Galega o feminismo será unha cuestión transversal en todos os eidos, potenciando a formación do profesorado, profesionais da saúde, traballadoras públicas etc.

12- Aumentaranse os orzamentos destinados á loita contra a violencia de xénero e á protección das mulleres e mozas en situacións de risco. Contaremos con xulgados específicos nesta materia en todas as cidades.

13- Será eliminada toda financiación pública e penalizarase a calquera entidade que promova a desigualdade de xénero.

14- Prohibirase toda a mercantilización dos corpos das mulleres, nomeadamente o aluguer de ventres das mozas con menos recursos económicos.

15- Garantizarase o deireito ao aborto nos centros de saúde públicos, sen traslados a outros hospitais e coas menores molestias posíbeis para as mulleres, priorizando sempre o seu benestar e saúde sobre ouras cuestións ideolóxicas e/ou económicas.

Desde Galiza Nova, entendemos a loita feminista como imprescindíbel na nosa acción política, ao mesmo tempo que é un eixo vertebrador e transversal tanto na teoría coma na praxe. Acreditamos na retroalimentación das diferentes loitas e, polo tanto, o noso horizonte dunha República Galega popular pasa obrigatoriamente por que sexa con perspectiva feminista.

Precisamos que todos e todas as profesionais teñan a formación necesaria para tratar con mulleres (en situación de risco ou non), e que a localización destes servizos se adapte á realidade xeográfica galega urbana e rural. Isto quere dicir que no sistema sanitario coñezan a realizade das patoloxías e características femininas, alén de moralismos e tabúes; que se recoñeza a diversidade e que as prácticas neoliberais non atravesen os nosos corpos. É necesario que os e as traballadoras de ensino, de xustiza, de comunicación, de emerxencias, de vivenda etc, conten con perspectiva de xénero á hora de enfrontarse a retos cotiás. Só con esa formación e sensibilidade se poden garantir uns servizos públicos útis e non discriminatorios.

Partindo de que a opresión heteropatriarcal é un problema estrutural, as solucións deben ir tamén á mesma raíz e construír de novo todas as partes do sistema no que vivimos. Unha das cuestións máis urxentes que derivan da estrutura social son os feminicidios: asasinatos a mulleres polo simple feito de existir nun mundo patriarcal onde as relacións persoais se rixen por confrontacións de poderes e xerarquías. Se ben sabemos que as mudanzas se teñen que dar en todos os estratos, é posíbel levar a cabo accións concretas para mellorar situacións tan graves coma a dos feminicidios. O Bloque Nacionalista Galego leva tempo pulando por medidas coma a implantación do Estatuto de Vítima do Feminicidio, abrindo todos os medios e programas de axuda a mulleres que sufran violencia. Pulamos tamén pola implantación de xulgados específicos e especializados en violencia de xénero en todas as cidades galegas, que mellorarían o mecanismo de avaliación e detección de situacións de risco. Estes xulgados servirán, por unha parte, para garantir unha mellor atención e unha maior sensibilidade por parte da Xustiza, así como para abrir a posibilidade de que a vítima e o agresor non se atopen durante o proceso. É imprescindíbel aumentar os orzamentos destinados á loita contra a violencia de xénero e á implantación de medidas reais e comprometidas coa igualdade.

“No mundo no que queremos vivir non haberá lugar para entidades que promovan desigualdade”

No mundo no que queremos vivir non haberá lugar para entidades que promovan desigualdade. Penalizaranse e serán retirados os fondos públicos daqueles organismos que perpetúen a opresión. Un exemplo disto son os centros de ensino concertados que segregan por xénero, aos que na actualidade o PP e o PSOE lle están concedendo premios. Urxe unha mudanza radical na educación para que non se manteñan os roles nin os estereotipos de xénero.

A realidade actual constrúese coa desigualdade e a pobreza como base. Na República que queremos non poñeremos por riba da dignidade das mulleres (as máis afectadas polas condicións socioeconómicas) o desexo de descendencia de parellas con máis poder adquisitivo. É hora de cambios no modelo de familia, mais non imos permitir que isto sexa a través de prácticas neoliberais como son os ventres de aluguer.

Entendemos tamén que a maternidade debe ser unha decisión consciente, non unha obriga. A comezos do 2016 denunciábanse casos gravísimos de violencia obstétrica no noso País: realización de abortos sen asistencia médica nos hospitais de A Coruña e Ferrol, mulleres que tiñan que desprazarse a Madrid para interrupcións legais do embarazo polos insuficientes recursos nos nosos centros, esmolas para a compensación económica deses desprazamentos e protocolos que non atenden ao benestar das mulleres. A situación non mudou desde iso, e vémonos na obriga de reivindicar non só unha cobertura legal do aborto, senón tamén unhas condicións seguras e que non vulneren os nosos dereitos.

Construiremos un País no que vivir iguais na diversidade. Construiremos a República Galega feminista!

Leave a Reply

Your email address will not be published.