rachar coa Constitución para mudalo todo

facebook_1449262351569Ante a conmemoración da Constitución española, Galiza Nova e o BNG organizamos unha cadea humana polo dereito a decidir do pobo galego, baixo o lema Agora Nós! Súmate á cadea humana na praia de Riazor da Coruña este domingo 6 ás 12h.

Galiza Nova denuncia o sistema español, profundamente corrompido, que funciona como cárcere dos pobos e como amparo legal das accións máis socialmente inxustas que estamos a padecer (como é o caso dunha media de 7 desafiuzamentos diarios na Galiza) e que nega a soberanía do pobo galego e a lexítima capacidade de decisión do mesmo.

Fronte aos cantos de serea da progresía española, denunciamos que a Constitución española non é reformábel para beneficio dos pobos, pois é filla dos que se alzaron no 1936 e cuxo legado continúan as forzas españolas da esquerda e da dereita que falan incluso de reforma constitucional, sempre de maneira cosmética e pseudodemocrática, e para satisfacer os intereses dos oligopolios e cargar ás galegas e galegos coa débeda do capital financeiro.

Por iso, dende Galiza Nova chamamos á mocidade galega a rachar coa Constitución española e a crear un novo marco xurídico e social na Galiza, xusto, solidario, que emane das galegas e dos galegos e que estea ao servizo da mocidade e do pobo, é dicir, a erguer entre todas e todos unha sociedade nova: A REPÚBLICA DA GALIZA!

A súa constitución é a nosa mordaza!
Independencia para mudalo todo!