Queremos camiñar libres e tranquil@s, fóra lgtbifobia!

OrgullosasO pasado martes 8 de febreiro á noitiña tiña lugar unha brutal agresión homófoba a unha persoa nun supermercado en Compostela. O agresor bateulle cos puños mentres berraba insultos como “maricón sidoso de merda, agardo que non me contaxies nada, voute matar” (tal como relataron ao Sermos Galiza). Incluso o seguiron ata o hospital onde foi atendido, onde continuaron a ameazalo e insultalo en presenza da policía. Segundo afirmou a parella agredida, tiveron que saír case escoltados do hospital, posto que a policía non interviu na situación, “dicían que non vían ningunha agresión”.

A situación agrávase, xa que ningunha testemuña quixo acompañalos a declarar á comisaría. Na propia denuncia especifícase que se trata dun “delito de violencia contra a liberdade sexual”. Tamén aseguran que non é a primeira vez que sofren este tipo de violencia: “Vivímolo todos os colectivos LGTBi e ten a mesma raíz que o machismo”.

Nunha sociedade aínda dominada polo heteropatriarcado, está aceptada socialmente a violencia contra as persoas LGTBi. O feito de ser trans, gai ou ser muller significa vivir en tensión continua en situacións tan correntes coma camiñar tranquilamente pola rúa. A ausencia dunha lexislación que identifique estes tipos de violencia e impoña sancións específicas fai que a situación se agrave e que a inmensa maioría destes delitos queden impunes ou mesmo sen denunciar, xa que a vítima en moitos casos vese totalmente desamparada ante a lei.

Dende Galiza Nova unha vez máis condenamos enerxicamente a LGTBifobia e a súa violencia, e por extensión opoñémonos a tódas as formas de violencia mediante as cales o sistema heteropatriarcal nos oprime.

Por iso reiteramos a nosa implicación e fondo compromiso coa loita polos dereitos de identidade de xénero e de liberdades sexuais.