Freelance, unha nova forma de explotación laboral

1. freelanceO autoemprego é unha outra forma de traballo. Sempre o foi entre aquelas persoas que optaron por sacar adiante por si propias os seus proxectos. De facto, a gandaría ou a agricultura desenvolveuse neste país através da autonomía de moitas das persoas que desenvolven a súa actividade nestes sectores como tamén o artesanato ou innumerábeis proxectos vencellados ao sector servizos.

Porén, nos últimos anos as políticas laborais impulsadas desde os gobernos neoliberais -nomeadamente após o estourido da crise económica- deron lugar a máis unha forma de explotación laboral que pretenderon ocultar baixo o nome de emprendemento.

Neste senso, as empresas -apoiadas por unha lexislación contraria aos intereses da clase traballadora- están a contratar centos de persoas, principalmente mocidade, obrigándoas a se facer autónomas. Desta maneira é a persoa contratada quen debe facer fronte á cotización da Seguridade Social, sen vacacións e cun salario inestábel que as máis das veces non chega para cubrir os gastos carrexados polo propio réxime de autoemprego. Contratos por semanas, meses, días ou mesmo por obra que se tornan en ferramenta de precariedade e explotación por parte da patronal.

GALIZA NOVA EXIXE:

Desde Galiza Nova exiximos condicións de traballo dignas para as traballadoras e traballadores e que o emprendemento non sexa usado como unha arma contra os nosos dereitos coa que, ademais, as empresas vexan incrementados os seus beneficios a costa da explotación dos cadros de persoal. Exiximos a derogación das sucesivas reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP e un marco de relacións laborais galego.

Así mesmo, entendemos que o autoemprego, sendo unha forma de traballo lexítima, debe garantir unhas condicións dignas. Neste senso, exiximos mudanzas legais que adapten o marco xurídico galego ao doutros países da nosa contorna a través da flexibilización do pagamento do IVE e da substitución das cotas de autoemprego fixas por outras que se adapten aos beneficios obtidos.