Mocidade co BNG-NÓS

Mocidade que non pode exercer dereito ao voto pide apoio para BNG-NÓS

Galiza Nova vén de lanzar unha campaña na que recolle a esixencia de mocidade de 16 e 17 anos de poder exercer o dereito ao voto. Perante a convocatoria de Eleccións Xerais do 26 de xuño, Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, pon de manifesto a contradición de que con 16 e 17 anos gran número de mozas e mozos teñen un posto de traballo precario ou vense na obriga de deixar de estudar por culpa dos recortes no ensino, mais non poidan exercer o seu dereito ao voto como xa así ocorre noutros países europeos coma Austria ou Noruega, tamén en Ecuador, Brasil ou Cuba, ou mesmo no referendo polo dereito a decidir de Cataluña no pasado 9 de novembro.

“Dános voz” é o título do vídeo co que Galiza Nova inaugura esta campaña, na que máis dunha trintena de mozas e mozos nacionalistas de 16 e 17 representativas de cada comarca de Galiza esixen dereito ao voto e solicitan ás galegas, que lles dean voz, que defendan a mocidade fortalecendo ao BNG Nós Candidatura Galega.

“A mocidade de 16 anos ten unha capacidade de análise da realidade que as rodea e conciencia totalmente formada, que lle permiten poder decidir sobre o seu futuro, e coñecen os problemas de Galiza, do ensino, do traballo precario e do machismo mesmo mellor que os corruptos que nos gobernan” afirma Alberte Mera, Secretario Xeral de Galiza Nova, “polo que deben ter todos os dereitos, tamén o do voto” engadiu.

Esta medida a aplicar en todas as citas electorais resulta unha reivindicación histórica tanto do BNG coma da súa organización xuvenil, e será un dos puntos fortes a desenvolver na campaña electoral e na precampaña, realizando diversas actividades para sociailzar esta proposta por parte das mocidades do BNG, e que de momento xa conta cun vídeo nas redes sociais protagonizada por mozas e mozos de Galiza Nova representativas de diversos puntos da nación.