Hoxe cúmprense anos dun grande desafío ao sistema que realizaron dúas mulleres en 1901 na Galiza. Elas foron Elisa e Marcela. Casaron na Coruña, un fito pioneiro en toda Europa. Desde Galiza Nova e o BNG quixemos homenaxealas pola súa valentía e lembrar o martirio e persecución que sufriron, e declaramos o 8 de xuño coma o Día da Visibilidade Lésbica Galega. Organizamos desde a Comisión de Liberdades Sexuais e Diversidade de Xénero de Galiza Nova un acto de recoñecemento de Elisa e Marcela diante da igrexa de San Xurxo, onde casaran, e no que limos o manifesto da declaración, que reúne a loita de Elisa e Marcela, de todas as mulleres que traballaron polas liberdades sexuais e a igualdade, e que reúne os principais atrancos que aínda día de hoxe debemos derrubar. Obrigado a Avia Veira portavoz do BNG na Coruña e a Goretti Sanmartin vicepresidenta da Deputación e da executiva do BNG por falarnos de Elisa e Marcela neste acto, así coma ás persoas da candidatura do BNG – NÓS Carlos Callón, candidato nº1, e Lucía Veciño de Galiza Nova, así como ás compañeiras da Comisión de Liberdades Sexuais Navia Rivas, Faia Bermello e Antía Insua.

Manifesto da Declaración do día da Visibilidade Lésbica Galega

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901 na igrexa de san Xurxo na Coruña. Para levar a cabo este acto de rebeldía, Elisa vestiuse de home e fixo chamarse Mario. Mais o engano foi breve. En poucos días ocupaban as portadas dos xornais, os titulares ultraconservadores pregoaban un “matrimonio sen home”. Ao seren perseguidas polas autoridades, finalmente ambas tiveron que fuxir. Primeiro marcharon a Portugal, onde foron xulgadas e logo absoltas. Con todo, alí seguían sendo acosadas polas autoridades e a prensa, así que finalmente fuxiron a Arxentina. Así foi a primeira vez que tivo lugar un casamento entre mulleres no estado español.

115 anos despois as cousas mudaron, mais non todo o que deberían. En moitos lugares do mundo as persoas LGBTI continuamos a ser xulgadas e condenadas pola nosa sexualidade e o noso xeito de relacionarnos. No Estado español existe o chamado o matrimonio igualitario, mais iso non se traduce en normalidade e respecto. Aínda temos que sufrir discriminación en tódolos ámbitos da vida social, e mesmo sufrimos agresións verbais e físicas polo feito de sermos quen somos.

Estamos vendo como os dereitos polos que loitaron Marcela, Elisa e tantas outras persoas están sendo ameazados polas políticas reaccionarias do PP e a igrexa católica, que defenden un modelo de familia e de sociedade heteronormativo e patriarcal. A lexislación promovida pola dereita española ultraconservadora ten por misión perpetuar e impoñer este sistema, e oprimir a todas as persoas que se rebelan ou simplemente non se axustan a el.

Dentro da discriminación que sofre o colectivo LGTBI, non podemos esquecer que as mulleres lesbianas galegas padecemos unha tripla discriminación: por ser mulleres, por ter unha sexualidade libre e por vivir na Galiza, unha nación que ten secuestrada a súa soberanía. Ademais, súmase unha invisibilización que nos oculta da luz pública e non permite que sexamos recoñecidas como tal.

Cada día loitamos por superar as barreiras nos impón o heteropatriarcado e por conseguir un modelo educativo e social libre de prexuízos e de opresión. Esiximos un sistema educativo inclusivo, que fomente o respecto e a diversidade humana, e a elaboración de protocolos de prevención, detección e tratamento do acoso escolar e o ciberacoso. Reclamamos que se identifique na lexislación a violencia por homofobia, bifobia e transfobia, e que se impoñan sancións específicas. Do mesmo xeito, reclamamos que se garanta que non haberá discriminación no sistema de adopción por motivos da orientación sexual ou a diversidade de xénero.

Por todo isto, dende o Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova, reafirmamos o noso compromiso por traballar nas institucións e a pé de rúa polos dereitos das persoas LGTBI, e en homenaxe a Marcela, Elisa e a tantas outras persoas que tiveron a valentía de enfrontarse ao heteropatriarcado para viviren unha vida máis libre nun mundo máis xusto, declaramos o 8 de xuño, o Día Galego da Visibilidade Lésbica.

Leave a Reply

Your email address will not be published.