8 de xuño: Día da Visibilidade Lésbica Galega

Hai xa máis de 100 anos que na cidade da Coruña dúas mulleres desfiaron a moralidade e a legalidade vixentes na época ao contraeren matrimonio. Marcela e Elisa casaron o 8 de xuño de 1901, o que lles supuxo unha persecución social e legal que rematou co seu exilio en Arxentina.

Un feito tan revolucionario non pode ficar esquecido na nosa historia. Somos conscientes de que a nosa historia se nos nega e se oculta nos centros de ensino. É prioritario reivindicar a figura destas dúas mulleres que fixeron fronte á sociedade para poderen vivir libremente.

É por isto que a Asemblea LGTBI de Galiza Nova reivindicamos este día como o día da visibilidade lésbica galega. As mozas lésbicas de Galiza Nova denunciamos a cuádruple opresión que experimentamos: somos mulleres nunha sociedade machista e patriarcal, desafiamos a heternonorma coa nosa sexualidadede, pertencemos á clase obreira nun sistema capitalista, e somos galegas nun estado que nega a nosa soberanía nacional. Todo isto conclúe nunha invisibilización na que se ocultan todas as nosas problemáticas específicas negando a nosa realidade. É preciso lembrar que boa parte desta invisibilización e discriminación vén causada directamente polas políticas heteropatriarcais e reaccionarias dos diferentes gobernos do Partido Popular.

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova demandamos unha educación afectivo-sexual de calidade para as mozas galegas, na que se visibilice a nosa diversidade sexual e identidade de xénero. Avogamos tamén pola superación deste modelo de familia cheo de preconceptos e categorías que fomenta o sistema heteropatriarcal. Na nosa loita por unha república galega non perdemos o noso compromiso por conseguir unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidadaria na que ninguén sexa disciminado pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Sexualidade non é heterosexualidade, estamos orgullosas de sermos lésbicas!