“O nacionalismo é o camiño de aquelas e aqueles que queren reverter a emigración e a precariedade, de quen queremos conquistar o futuro para a mocidade do Salnés e de toda Galiza”

Galiza Nova vén de iniciar unha nova etapa na comarca do Salnés coa ampliación da asemblea comarcal coa incorporación de novas mozas e mozos de ensino medio, universitario e traballadoras en precario. A asemblea celebrada este xoves 22 de outubro en Ogrobe, e na que participou o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, elixiuse a Emmanuel Joven novo responsábel comarcal. En dita xuntanza as mozas e mozos de Galiza Nova debateron sobre a situación da mocidade na comarca e na Galiza, e xa deseñaron unha serie de actividades reivindicativas para este trimestre, coa denuncia do desemprego e emigración xuvenil coma eixos claves, pois as políticas do estado español, que condenan a mocidade á precariedade e ao éxodo, están a arruinar o futuro da comarca. “O nacionalismo é o camiño de aquelas e aqueles que queren reverter a emigración e a precariedade, de quen queremos conquistar o futuro para a mocidade do Salnés e de toda Galiza”, asegurou Emmanuel.

Emmanuel Joven vive en Cambados, onde participa de Galiza Nova e o BNG. É estudante de Publicidade e Relacións Públicas e activista no movemento estudantil nacionalista en denfensa do ensino público e galego.

Nesta asemblea celebrada o xoves incorporáronse novas mozas e mozos de Ogrobe, Cambados, Vilagarcía e Sanxenxo, que se suman ás compañeiras e compañeiros de Cambados, Catoira, Vilanova, a Illa, Meis e Meaño; dando por tanto expansión e organización territorial en toda a comarca ao proxecto da mocidade nacionalista.

Consolídase así un equipo de mozas e mozos nacionalistas con moitas ganas de traballar, mobilizar á xente nova e potenciar o BNG entre a mocidade.

Leave a Reply

Your email address will not be published.