A Asemblea Local das Pontes escolle a Carmela Franco como Responsábel Local.

A organización xuvenil do BNG bota a andar para facer fronte os problemas da mocidade da vila logo dun encontro aberto co deputado Daniel Castro

As Pontes, 5 de abril de 2020. Nun encontro aberto o pasado venres, no que participou Daniel Castro, deputado no Parlamento da Galiza e membro da Dirección Nacional de Galiza Nova, constituíuse a localidade de Galiza Nova nas Pontes. Carmela Franco Caaveiro, veciña da localidade e estudante de Filoloxía Galega na USC, foi escollida como responsábel local. Fíxoo acompañada dos tamén membros da formación e veciños das Pontes, Alberto da Silva Castro e Fran Corral Fresco.

De esquerda a dereita: Alberto Da Silva, Daniel Castro, Carmela Franco e Fran Corral.

Carmela Franco, a responsábel local, incidiu en que “xa é hora de que as nosas demandas sexan escoitadas e tidas en conta. A xuventude das Pontes non pode quedar nun segundo plano nun momento no que se está a decidir o futuro da vila e da comarca”. Doutra banda, tamén resaltou o duras que están a resultar as consecuencias da pandemia para a xente nova. “A Covid-19 está a ter un efecto especialmente duro na nosa xeración, engadido á problemática xa existente de desemprego e desindustrialización que xa persistía”.

A aparición da organización xuvenil do BNG nesta localidade xorde da necesidade de dar voz á mocidade pontesa para solventar os conflitos tanto da localidade coma da comarca e afrontar as súas necesidades actuais e futuras. Entre os obxectivos derivados do encontro resolveuse a planificación dunha serie de actividades alén da desindustrialización que sofre actualmente a vila e que afectará particularmente ó futuro da mocidade.

 

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.