A Confederación Hidrográfica Miño-Sil abre expediente sancionador contra o Concello de Ponteareas polas verteduras ao Tea

“O Alcalde Salvador G. Solla está a demostrar que é inepto para resolver os problemas medioambientais de Ponteareas”

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de abrir expediente sancionador contra o Concello de Ponteareas polas continuas verteduras de augas fecais sen depurar ao río Tea, xunto á estrada N-120 en San Roque, que foron denunciadas no seu día por Galiza Nova.

O noso Responsable Local en Ponteareas, Miguel Bouzó, indica que “a situación do Tea nestes últimos anos é crítica, alcanzando os niveis de contaminación máis altos de todo o País”. Miguel destaca que “este expediente da Confederación vén a confirmar o que levamos anos denunciando, o estado de abandono do río Tea por parte do goberno do PP, ao que non lle preocupa en absoluto a situación na que se atopa o Tea”.

O Alcalde, que tamén é concelleiro de Medio Ambiente, está a demostrar que é inepto xa que dende que chegou á alcaldía non fixo nada por rematar cos graves problemas de contaminación do Río Tea.

O goberno local ten a máxima responsabilidade neste tema. Non é de recibo que se manteñan estes vertidos despois de tanto anos da súa existencia. É unha neglixencia do goberno pola que xa temos pagado sancións anteriormente, e que provoca que esa zona estea inhabilitada para o baño como cada ano demostran as análises de calidade da auga da Xunta.

Basta xa de verteduras aos nosos ríos!! Defendamos a nosa terra!