Levamos moito tempo a denunciar as consecuencias nefastas que a explotación capitalista ten na nosa terra, agravadas polas relacións económicas de tipo colonial que nos sitúan como territorio do que extraer recursos naturais e forza de traballo. Estas análises permanecen vixentes nos tempos da COVID-19, e mesmo se agravan nun momento no que as lexislacións e as medidas de excepción son utilizadas como instrumento dos intereses transnacionais para a perpetuación do seu lucro.

O problema da dependencia política de Galiza evidénciase de xeito claro cando o goberno de Feixoó decide dar vía libre a máis dun cento de proxectos con impacto ambiental sen estes poderen ser obxecto de apelación por parte das entidades ecoloxistas e da poboación en xeral. Os retrocesos en materia ambiental, agora amparados baixo a falacia da reconstrución económica, van sempre en contra dos intereses do pobo. Son varias as mostras recentes disto:

  • Contaminación do río Eume, onde ENDESA verteu durante 40 anos refugallos da súa mina de lignito, obrigou ao Concello de Pontedeume a prohibir o consumo de auga da traída. Colectivos locais como ADEGA, Terra e o BNG de Ferrolterra están a organizar unha resposta popular que esixa o desmantelamento do encoro que hai en pleno Parque Natural das Fragas.
  • Autorización de ducias de parques eólicos baixo amaños lexislativos, que implican una grande impacto paisaxístico e produtivo para espazos protexidos e terras de cultivo.
  • Concesión de grandes minas de litio nas serras do sur de Galiza.

Ao mesmo tempo, as medidas de “loita” contra a COVID-19 cébanse cos sectores produtivos máis vulnerables, aqueles que precisamente son máis respectuosos co medio ambiente. Por exemplo, son numerosas as prohibicións e restricións na venda ambulante e nos mercados tradicionais. Moitas pequenas explotacións, que son incapaces de ofrecer a venda en liña, están véndose obrigadas a deixar de producir e, polo tanto, a abandonar as terras que viñan mantendo traballadas. É dicir, que algunhas das restricións que se nos venden como incuestionables e igualitarias, son máis ben instrumentos legais que favorecen os negocios das grandes empresas da industria agroalimentar e ás distribuidoras, que ademais recibirán cuantiosos fondos públicos como recompensa por non fecharen ou por non despediren traballadoras.

A nosa obriga, como mocidade comprometida coa xustiza social e ambiental, é esixir unha saída sostible e igualitaria a esta crise. Non debemos esquecer que a nosa saúde e a do noso territorio dependen en gran medida do control rigoroso das actividades contaminantes e do mantemento dun sector primario diversificado e moderno.

Desde Galiza Nova denunciamos as agresións ao noso medio e facemos un chamento á mocidade galega para axudar ás nosas pequenas produtoras.

Construamos en colectivo fronte a quen quere tirar beneficio da pandemia!

Leave a Reply

Your email address will not be published.