A Galiza do coñecemento

plantilha 2

O Goberno presidido por Núñez Feijoo déixanos un país menos innovador e con menos tecido produtivo, tal e como amosan todos os indicadores:
—Reduciuse o investimento en I+D+i: na actualidade (ano 2014, último dispoñíbel), Galiza inviste en I+D+i un escasísimo 0,89% do PIB unha porcentaxe moito menor que a rexistrada antes do Goberno de Feijoo, xa que en 2008 a porcentaxe chegaba ata o 1%.
—Con respecto ao gasto en I+D per cápita, este baixou durante o goberno de Núñez Feijoo, xa que pasou de 211,7 euros no 2008 a 174,2 no 2014, e ademais é moi inferior ao do conxunto do Estado, que no 2014 sitúase en 276 euros per cápita.
—As empresas con actividades innovadoras caeron á metade: Se no 2008 existían 1930 empresas con actividades innovadoras, esta cifra reduciuse nun 50%, ate as 973 empresas que realizan estas  actividades no último ano con datos dispoñíbeis (2014).
—Descenderon as empresas con actividade en Galiza. Das 210.000 empresas existentes en Galiza no 2009, o  Goberno de Núñez Feijoo tróuxonos un forte e continuado ritmo de destrución de tecido produtivo en Galiza que supuxo a desaparición de 11.000 empresas, ate as 199.000 actuais.
É urxente inverter a desacougante tendencia imprimida polas políticas do PP nestes anos, nos que Galiza viu reducidos por primeira vez os recursos para I+D+i, despediu e expulsou centos de investigador@s e tecnólog@s e perdeu posicións en todos os indicadores relativos a ciencia e tecnoloxía. O obxectivo do BNG é priorizar o esforzo innovador como unha panca esencial para a recuperación económica, que permita reforzar a nosa capacidade produtiva, crear emprego de calidade e construír unha economía sólida e competitiva a longo prazo que aproveite todas as potencialidades que temos como país.
Visión estratéxica da política científica e de innovación:
O BNG aposta polo reforzamento da economía produtiva, aumentando o contido en coñecemento das actividades produtivas, e reforzando a especialización cara as actividades máis intensivas en coñecemento, mediante a creación dos recursos tecnolóxicos e humanos necesarios.
A aposta terá sentido estratéxico, centrando os esforzos de I+D e innovación naqueles campos e especializacións que máis directamente contribúen a reforzar as nosas capacidades produtivas, nas que Galiza pode encontrar un maior potencial de competitividade. É dicir, unha política de innovación estratéxica marcada polos criterios da especialización intelixente (o que debera ser mais non é o Ris 3) para evitar unha excesiva dispersión dos recursos que acabe facéndoos ineficaces.
Cómpre apostar por unha efectiva transferencia do coñecemento desde o sistema de investigación, en especial o universitario, ao sistema produtivo, o que require que o sistema produtivo sexa quen de incorporar os licenciados e doutores en postos de traballo co perfil apropiado. Por iso, o BNG considera de grande importancia vincular a política de investigación e formación de titulados coa política de inserción laboral, tanto na empresa como na administración e nos servizos públicos.
Conseguir a aplicación práctica da investigación e o coñecemento é o obxectivo da política de innovación do BNG, valorizando os resultados da investigación pública a través dos servizos públicos e o establecemento de mecanismos que permitan ás empresas utilizar os resultados da investigación pública coas contrapartidas correspondentes que aseguren un retorno de recursos ao sistema de investigación pública. A grande virtude do sistema público de investigación é producir coñecemento libre, público, non privativo nin monopolizado.
O BNG aposta pola interacción da investigación pública co mundo da empresa, sen sometela ás necesidades inmediatas e aos ditados empresariais. Tendo en conta os sectores maduros predominantes no noso país e o predominio de PEMEs, o BNG impulsará, como xa fixo no pasado, políticas centradas na colaboración, co reforzamento da rede de centros tecnolóxicos e o establecemento de redes de colaboración entre as empresas, ou das mesmas con centros e/ou universidades.
O BNG impulsará o incremento do gasto en I+D tanto no sistema público como no privado, prioritariamente reforzando aqueles campos científico-técnicos nos que o noso país ten unha forte especialización, experiencia e potencial de aproveitamento; así mesmo, compre apostar por campos de futuro, nos que exista a posibilidade de abrir novas ventás de actividade, e pola creación de tecnoloxías transversais, que alimenten a distintos sectores produtivos para facelos menos dependentes tecnoloxicamente.
Ten tamén unha gran importancia a articulación e organización do sistema de I+D+i. Como cando estivo anteriormente no goberno, o BNG aposta por superar a fragmentación, mediante a cooperación interempresarial (clústers e Plataformas tecnolóxicas) e a externalización das actividades de I+D+i cara a Centros Tecnolóxicos.
As grandes apostas para fortalecer e dinamizar o sistema galego de innovación:
Para facer posíbel a construción e funcionamento harmónico do Sistema de Innovación Galego, o goberno do BNG desenvolverá os seguintes programas estratéxicos:
—Xestión íntegra da I+D+i: demandaremos que todos os fondos europeos relativos á innovación correspondan a Galiza se xestionen dende o noso país, para integralos co resto de fondos económicos para realizar unha aposta estratéxica pola xeración de valor engadido dos produtos e recursos da economía produtiva galega.
—Definición dunha carreira profesional investigadora para todo o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos.
—Programa de Articulación do Sistema de Investigación e Innovación: O BNG impulsará un modelo de transferencia de tecnoloxía que facilite a integración dos coñecementos científicos e a tecnoloxía empresarial, de xeito que a combinación do sistema público de I+D e os centros de investigación e innovación sexan o gran laboratorio de I+D do tecido empresarial galego, para o que levaremos a cabo as seguintes medidas:
a) Apoiar a creación e desenvolvemento de centros de alto nivel e excelencia científica.
b) Favorecer as relacións de colaboración na investigación entre os centros de investigación, as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas.
c) Completar a oferta de centros tecnolóxicos e de investigación existente en Galiza e fortalecer a recen creada rede de Centros Tecnolóxicos de Galiza.
d) Crear novos espazos para actividades de I+D e innovación que completen a oferta galega de servizos avanzados e de solo para a I+D e a creación de empresas de base tecnolóxica, coa rede de incubadoras de empresas e a oferta de espazo en réxime de aluguer na rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos.
e) Para o axeitado desenvolvemento das funcións dos complexos hospitalarios, o BNG impulsará o traballo en rede, a capacitación dos seus recursos humanos e unha maior relación coas organizacións de soporte da innovación.
—Programa de incorporación de investigador@s e tecnólog@s: A investigación e a innovación son actividades moi intensivas en persoal de alta cualificación, polo que constitúen o elemento chave a nosa estratexia. En Galiza temos máis capacidade para formar investigadores que para incorporalos ao sistema, particularmente no eido produtivo. Así, o obxectivo do BNG será crear as condicións para a incorporación de investigador@s e tecnólog@s no sistema de
I+D+i, reforzando financeiramente os programas de apoio á súa incorporación. Esta estratexia debe ir acompañada dunha mudanza da cultura empresarial, de xeito que as empresas resulten atractivas para o persoal con alta cualificación, en termos de remuneración, condicións de traballo e carreira profesional.

—Programa de retorno de de investigador@s e tecnólog@s emigrados. As políticas dos gobernos do PP levan provocando unha forme emigración de mozas e mozos galegos, especialmente os máis formados. Será unha prioridade para o BNG impulsar a súa volta, dentro do “Plan Retorna”.
—Programa de investigación e innovación empresarial: o BNG levará a cabo programas de impulso aos sectores empresariais centrados no apoio á I+D aplicada, isto é, á actividade de investigación desenvolvida fundamentalmente polas empresas xunto co resto dos axentes do sistema. Serán programas priorizados, nos que o carácter estratéxico dun proxecto, dunha tecnoloxía ou dun problema tecnolóxico determinan o apoio que van recibir, e buscarán a concentración e o impacto do esforzo realizado, o que significa que o obxectivo é financiar actuacións articuladoras, nas que conflúan diversos axentes e se prime a calidade.
—Impulso ao sistema universitario de I+D: o BNG impulsará a investigación universitaria no sistema galego de I+D+i de xeito que poida desenvolver axeitadamente a súa misión básica: a xeración de coñecemento e a súa difusión a través dunha educación superior de calidade. Estas actuacións centraranse na:
a) Promoción xeral da investigación, que ten como obxecto darlles soporte aos aspectos básicos e xerais da actividade de I+D e da produción científica como elemento esencial no proceso de xeración de novo coñecemento.
b) Consolidación e estruturación do sistema Público de I+D, que deberá promover a consolidación e especialización competitiva das unidades de investigación. Para iso prestarase especial atención á consolidación e articulación de servizos de apoio, en particular ás infraestruturas e ás unidades de xestión da innovación.
c) Posta en valor das capacidades e resultados da investigación pública.
d) Nesa dirección o BNG potenciará os viveiros de empresa de base tecnolóxica ou spin-off, a creación de novas empresas a partir de ideas xurdidas das actividades de investigación que levan a cabo os centros públicos.