A GALIZA QUE NOS DEIXAN [EMPREGO]

Nestes 11 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza asistimos a un retroceso sen precedentes en dereitos e condicións laborais. Núñez Feixóo continuou incidindo e instensificando o modelo colonial que sufre Galiza.

Durante esta década sucedéronse dúas contrarreformas laborais, totalmente lesivas, contra a clase traballadora galega, co total amparo e co beneplácito da Xunta de Galiza. Lonxe de loitar polas clases populares galegas, implementáronse, no noso país, as receitas fallidas do Partido Popular no Estado español.

Falamos de modelo colonial cando ollamos os nosos sectores produtivos completamente esmagados, ou entregados a grandes multinacionais e grandes empresas españolas. Galiza non ten permitido producir por si mesma.

Alén disto, o noso país sufre unha fonda crise industrial crise industrial, onde a pasividade e a inactividade do goberno galego, condena ás traballadoras á precariedade absoluta, ao desemprego e á emigración.

Falamos tamén de modelo colonial cando non se garante un traballo digno na nosa terra e se aplica un modelo centrado no macro-turismo.

Unha boa mostra é o Plan Xacobeo 2021 co que se afonda nunha terciarización de Galiza, mentres non se destinan fondos aos sectores produtivos, á industria ou ao I+D.

As mozas galegas atopámonos ante un futuro sen oportunidades. Un país cheo de plans de vida truncados após estes 11 anos de goberno de Alberto Núñez Feixóo como presindente de Galiza.

A mocidade galega aspiramos a poder vivir dignamente do noso traballo en Galiza. Para isto é fundamental a nosa participación política e sindical nunha central sindical galega e de clase coma a CIG, que nestes 11 nefastos anos loitou incansábelmente polos dereitos da clase traballadora galega e que hoxe é a primeira central sindical noso país, en delegadas, sindicadas e en capacidade de mobilización.

O balance que nos deixan este 11 anos do Partido Popular na Xunta de Galiza é devastador para as clases populares galegas. Un periodo de destrucción de emprego, peche e deslocamento de empresas e cunhas 50.000 mozas menos no país, condenadas á emigración. Unha galiza convertida no parque temático do Camiño de Santiago e do sector servizos. Que se lle nega a capacidade de producir, medrar e avanzar como país.

Esta é unha das caras da Galiza que nos deixa Feixóo mais é tamén un bo sitio polo que comezar, após o 5 de abril, para construir a Galiza Ceibe e libre de explotación á cal aspira a mocidade galega.