Estes últimos 11 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza foron absolutamente nocivos en materia de Igualdade e segue estando á orde do día a discriminación que sofren as mulleres, moi en particular no ámbito laboral e sen unha resposta real e eficaz contra a violencia machista. Máis precariedade, máis desemprego, feminización da pobreza… son algunas das consecuencias da desprotección institucional que soportamos as mulleres e particularmente as mozas.

Durante este tempo con Feixóo na presidencia da Xunta a actuación perante a violencia machista tipo dúas grandes formas:

Por unha banda a deixadez no tratamento da violencia sexual, a falta de recursos destinados á loita, prevención e concienciación contra esta violencia machista e a inexistente vontade de diágnose real –non realizando ningunha enquisa nin avaliación das agresións sexuais- do problema que supón esta lacra.

Por outro lado, a directa violencia institucional por parte do goberno da Xunta en forma de criminalización do movemento feminista e uso de campañas totalmente vexatorias contra as mulleres acompañado dunha falta de transparencia no gasto público en materia de Igualdade.

Todo isto responde a un Partido Popular cuxo machismo forma parte do seu ADN sendo así manifesto tanto a nivel do goberno da Xunta como na nula acción a nivel municipal en prol dunha sociedade onde as mulleres teñan cabida.

Estes anos viñeron tamén marcados por un aparente abandono da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que presentaba grandes potencialidades cara a recuperación de dereitos e o combate da violencia machista.

Unha lei que ficou caduca deixando de lado cousas tan relevantes como a abordaxe da violencia sexista desde o ensino, o desenvolvemento de campañas informativas para o coñecemento de ferramentas e recursos contra a violencia machista ou a inclusión nos obxectivos da comisión de traballo creada no seo do Observatorio galego da Violencia de Xénero, o seguimento da implantación e grao de cumplimento do Protocolo de coordinación e cooperación institucional aprobado no 2017 ao respecto das distintas formas de violencia.

Neste contexto, este 5 de Abril, temos unha oportunidade para reverter esta situación, para deter este silencio cómplice por parte do goberno da Xunta coa violencia machista. Este 5 de Abril temos da nosa man que se reverta a fenda salarial, que se cree emprego de calidade para as mulleres galegas e que se tomen medidas reais de conciliación máis aló das promesas electorais de Feixóo en campaña.

Despois de 11 anos, é a hora de que todas as reivindicacións do feminismo galego se materialicen en políticas por parte do goberno da xunta, de acabar co grande desfase anacrónico que supuxeron os gobernos do Partido Popular en materia de Igualdade.

Leave a Reply

Your email address will not be published.