Comunicado de Galiza Nova após o rexeitamento dunha nova megamina no noso país

A mocidade organizada en Galiza Nova amosa a súa satisfacción polo fracaso da Declaración de Impacto Ambiental da Mina de Touro-O Pino. Pasados case tres anos desde que coñeciamos oficialmente o plan de Atalaya Mining-Cobre San Rafael para reabrir e ampliar esta mina, podemos parabenizarnos dunha vitoria da mobilización social. De momento non haberá nova mina, e tampouco se levantará unha presa de 80 metros para reter os lodos tóxicos xerados pola súa explotación.  Somos conscientes de que só se trata dunha batalla dentro dunha guerra prolongada, porque a multinacional da minaría ten sobrados recursos económicos e legais para volver tentalo. A concesión que ten a empresa para explotar a zona dálle marxe até 2068, un feito que non permite pechar totalmente esta loita a pesares desta boa nova.

Manifestación de xuño de 2018. Fonte: CIG

Se facemos un balance destes anos de conflito vemos a unha protagonista principal que foi quen de darlle o golpe definitivo aos intereses especulativos en Touro: a mobilización social. A Plataforma Mina Touro-O Pino NON, que organizou a centos de persoas, liderou de xeito eficaz unha campaña de denuncia e acumulación de forzas. Xeráronse complicidades coas veciñas da contorna pola defensa das súas casas, as súas terra e a súa saúde; pero tamén con plataformas de toda a comarca, con entidades ecoloxistas e con organizacións sindicais. Constituiuse deste modo unha verdadeira fronte común coa que superar o entramado institucional e mediático que apoiaba ao lobby extractivista. 

Non foron poucos os intentos do goberno galego por legalizar esta barbarie, que suporía un impacto irreparable para as comarcas de Arzúa e Compostela, e tamén para o río Ulla e a ría de Arousa debido ao arrastre de metais pesados até os ecosistemas fluviais e os bancos marisqueiros. Malgastáronse millóns de euros públicos en campañas de branquexamento da industria mineira, modificáronse leis e regulamentos, e mesmo se chegou a pagar patrocinios a equipas de fútbol, coma no caso da SD Compostela. Todo esta aposta, auspiciada pola dereita, bateu de fronte coa realidade dun pobo que foi collendo folgos a partir dunha morea de asembleas e actos informativos. Todo un proceso exemplar que levou a unha manifestación masiva en xuño do 2018, onde se encheu o Obradoiro baixo o denominador común da loita en defensa da terra. Alí estivo a mocidade nacionalista, unha vez máis, amosando o noso apoio á loita ecoloxista e contra a depredación capitalista do territorio.

Seguiremos vixiantes, porque o goberno Feixoó, malia ter os días contados, ten a firme decisión de morrer matando. Sen ir máis lonxe, mentres freaba (obrigado polas circunstancias) esta mina, presentaba a nova Lei de Ordenación do Territorio. Tras a Lei de Depredación aprobada en plena vaga de incendios no 2017, estamos ante un paso máis no camiño de entregar o noso país ás grandes corporacións do agro e a enerxía. Sen dúbida, todo este aparello lexislativo ao servizo do capital que se afanan en aprobar antes da fin da lexislatura é o xeito que ten o Partido Popular de devolver favores e acelerar o espolio colonial que vimos sufrindo as galegas. Tomamos nota, o BNG xa se puxo mans á obra para rematar con esta vergoña.

Leave a Reply

Your email address will not be published.