‘a mocidade é a chave do cambio e da transformación que precisa o concello e o país’

Luís Perez Barral Gustame 30-9-13Luís Pérez Barral é o número 2 do BNG-Asembleas Abertas ao Concello de Ribeira, onde naceu en 1990. En Ribeira ten desenvolvido activismo político a través do movemento asociativo, veciñal, xuvenil e de diversas loitas sociais a través de Galiza Nova e tamén como concelleiro do BNG. Está a piques de rematar os seus estudos de Grao en Lingua e Literatura Galegas e adoita traballar como monitor de tempo libre ou camareiro.

-Por que decidiches dar o paso adiante que supón formar parte da candidatura do BNG Asembleas Abertas?

-As compañeiras e compañeiros do BNG e das asembleas abertas consideraron que debía estar presente na candidatura. Para min é unha honra e un orgullo asumir esta importante responsabilidade. Dou o paso para tranformar o concello e para traballar ao servizo do pobo.

-Cal é a principal problemática da mocidade en Ribeira?

-En Ribeira hai moitos problemas tras 24 anos de Partido Popular, no ámbito da mocidade destacaría o elevadísimo desemprego. As políticas do PP só che dán como únicas saídas a emigración (en Ribeira emigraron máis de 2.000 moz@s en só 2 anos) ou optar a traballos precarios.
Malia isto, tamén hai outro tipo de problemas coa biblioteca na que o estudantado tivemos que facer un peche en nadal para esixir maior horario, falta de mantemento de instalacións deportivas, abandono do local de ensaio e un sin fin de cousas máis, gobernan esquecendo á xente moza.

-Fronte a esa realidade, cales son as alternativas que defende o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?

-Faríanse moitas cousas, mais eu destacaría que desde un goberno do BNG, crearíase o 1º Plan Integral de Emprego para Ribeira co que desenvolver ás nosas potencialidades e resolver eivas. Estableceríanse rebaixas de impostos a empresas que xeran emprego estable, crearíamos bolsas para titulad@s superiores que, en coordinación coas universidades, desenvolveran proxectos de I+D+i para mellorar a competitividade local ou traballar na captación de empresas doutros sectores para asentalas no municipio.

-É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación de Ribeira? Como poden facelo?

Sen dúbida, a mocidade debe ser a chave do cambio e da transformación que precisa o concello e o país.
Creo que se a mocidade se rebela, pode chegar a derrotar ao Partido Popular e a rede clientelar tecida ao longo destes 24 anos. Hai batallas como o peche da biblioteca que demostraron que a mocidade de Ribeira pode mudar as cousas, só é preciso dar o paso adiante e no BNG hai moita xente moza e poden confiar e participar con nós para conseguilo.

-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova?

-Moi ben. Realmente quen quería ou tiña interese en participar de calquera xuntanza do BNG ou Galiza Nova podía e pode vir sen problema, neste proceso fixémolo máis evidente. Considero que foi unha boa medida saírmos dos locais porque a xente foi moi receptiva e participativa, houbo un achegamento entre veciñanza e organización.
Nestas asembleas incorporamos as ideas ao programa de goberno e a candidatura conformada por 25 persoas, hai 10 menores de 30 anos e 9 persoas son independentes, vemos polo tanto, que a xente está achegándose e participando.

-Como entendes a política municipal? Por que BNG-Asembleas Abertas?

-Entendo a política como un servizo de transformación do mundo e da sociedade na que vivimos.
Moita xente pensa que a política municipal é só asfaltar e poñer farolas, o BNG demostra nos concellos que goberna, que desde a política municipal pódense facer verdadeiras transformacións sociais, democráticas, tecnolóxicas, ambientais… que melloran a vida do pobo.