A mocidade galega con voz propia

A mocidade galega terá voz clara e contundente no Parlamento Galego co grupo do BNG formado por Ana Pontón, Luis Bará, Montse Prado, Mini Rivas, Noa Presas e pola compañeira de Galiza Nova Olalla Rodil.

A mocidade galega ten a garantía de que o grupo do BNG traballará arreo cun proxecto serio e solvente, un Bloque forte e cohesionado, no que estamos dispostas a dalo todo para mellorar a vida da mocidade galega, confrontar os ataques ao ensino, a emigración, a precariedade laboral… crear alternativas e avanzar como país.

Olalla Rodil, nada en Ribeira de Piquín, na montaña de Lugo, vén de cumprir 27 anos e parlamentaria do BNG tras encabezar a candidatura ao Parlamento Galego pola circunscrición de Lugo e sendo a candidata nº1 máis nova de Galiza. Olalla foi responsábel do movemento estudantil nacionalista en Pontevedra, daquelas os CAF. Leva 9 anos militando en Galiza Nova e na actualidade forma parte da súa Dirección Nacional e da Comisión Permanente, sendo a Responsábel de Internacional da organización xuvenil do BNG. É xornalista e licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, cun mestrado de estudos internacionais.

Olalla contribuíu nos últimos anos coa súa militancia ao impulso de Galiza Nova como organización dinámica e activa socialmente e a traballou para o medre de Galiza Nova como ferramenta últil e referencial para a mocidade galega. Agora, tamén desde o Parlamento Galego será voz da Galiza viva, rebelde e combativa que non se resigna ante a miseria á que nos condena o Partido Popular e pula por construír un tempo novo.