A nova campaña do lobby mineiro nas escolas e institutos. Adoutrinamento e propaganda

A Xunta de Galiza vén de presentar o novo programa de promoción e lavado de imaxe da megaminaría. Dentro dunha iniciativa da Cámara Mineira, e baixo a marca de “Minaría Sostible de Galiza” queren vender a idea de que os grandes complexos, actualmente tan cuestionados, son en realidade centros creadores de emprego e espazos perfectamente integrados co seu entorno.

Hai tempo que as grandes multinacionais do sector amosaron o seu interese pola depredación do noso territorio. Desta vez apostan forte pola publicidade directa nos centros de ensino, conscientes da dificultade de introducir o seu falso discurso na sociedade. Con materiais pseudo-didácticos atractivos, nos que predomina a idea do verde e a natureza, introdúcese a idea de que as grandes canteiras apenas alteran os espazos naturais. Nun dos vídeos producidos para Educación Infantil e Primaria afírmase literalmente: “As explotacións mineiras están en contornas rurais, polo que evitan o despoboamento, e favorecen o desenvolvemento social e demográfico, xa que crean emprego e riqueza”.

 

Os vídeos producidos para o estudantado polo lobby mineiro retratan con imaxes idílicas á megaminaría. Fonte: Cámara Minera.

Estamos ante argumentos falsos, xa que basta observar os datos demográficos das comarcas de maior dependencia mineira do país para ver que se atopan igual ou máis despoboadas, percibíndose mesmo unha acentuación dos desequilibrios territoriais urbanísticos, como no caso do Courel ou Valdeorras, que voltan ás economías desas bisbarras moito máis dependentes dun mercado cambiante. É dicir, se a industria mineira de enclave cae, a comarca cae.

Obvianse tamén os centos de navalladas que sufriu o noso país sen que as empresas que tanto se lucraron amosasen o menor interese por restaurar estes espazos afectados. Só nunha pequena minoría se realizaron labores de restauración ecolóxica real, e en ningún caso se recuperou a actividade agraria anterior.

Megaminaría de lousa a ceo aberto en Carballeda, a escasa distancia do espazo protexido de Pena Trevinca. Fonte: Somos Comarca.

Consideramos que a introdución da xeoloxía e dos fundamentos en xeotecnia na educación é necesaria, mais non debe estar orientada á grande industria colonial, senón ao servizo da ciencia e do progreso tecnolóxico, no sentido de limitar os impactos ambientais e de priorizar a preservación de ecosistemas e terras de cultivo. Se ben a actividade mineira en sí mesma pode ser precisa, o modelo que nos presenta o lobby da grande industria é completamente insostible e só busca reter a riqueza do subsolo nas mans duns poucos.

Denunciamos pois, o branqueo de imaxe sen pudor que está a financiar o goberno autonómico, asignándolle á minería intensiva un rol que non lle corresponde, pois non é o motor económico do rural. Conscientes de que os recursos nos que se basea esta actividade son limitados, e que a maior parte dos beneficios foxen de Galiza e atópanse na transformación final do produto, non podemos defender a implantación indiscriminada de explotacións a ceo aberto. Non queremos estragar a nosa terra para logo ter que emigrar. Non queremos un futuro en gris.

Os centros de ensino non son das multinacionais. Defendamos unha educación pública, científica e crítica!

Leave a Reply

Your email address will not be published.