A reforma Aborto supón un retroceso cara á lexislación do franquismo!

Simone_BNo día no que se cumpren 106 anos do nacemento de Simone de Beauvoir, resulta inevitábel lembrar a esta figura fundamental do feminismo en pleno debate sobre a Lei do Aborto e no proceso de involución no que se atopan os dereitos das mulleres no Estado.

O pasado 20 de decembro, o Consello de Ministros decidiu aprobar a reforma da Lei do Aborto, da que xa falaba o Partido Popular antes de gañar as eleccións. Malia o rexeitamento da maioría da poboación, o  PP decidiu facer ouvidos xordos e aprobar esta mudanza que nos sitúa antes do ano 1985, ano no que se aprobou a chamada “Lei de Prazos” tras anos de loita feminista na rúa. Deste xeito, prodúcese unha clara involución nos dereitos das mulleres e unha grave vulneración dos dereitos sexuais catalogados como fundamentais.

A reforma da Lei do Aborto do PP supón un retroceso cara á lexislación do franquismo!

Esta reforma ten unha serie de consecuencias que achega, aínda máis, a lexislación vixente á ideoloxía fascista. O PP amosa un desprezo enorme pola vida das mulleres atacando directamente a súa liberdade para elixir se ser nais ou non.

Por unha banda, elimínase o suposto de interrupción do embarazo en casos de malformacións do feto. Eliminan o suposto e recortan as axudas da Lei de Dependencia, condenando ás mulleres a volver ao tradicional rol de coidadora que seguimos combatendo a día de hoxe.

Por outra, esíxennos acreditar os prexuízos físicos ou psicolóxicos polos servizos sanitarios, cuestionando deste xeito as nosas vidas e involucrando a terceiras persoas nunha decisión que nos corresponde tomar a nós mesmas. No caso das menores de idade, a maiores do permiso da/o profesional sanitario, terán que contar co permiso dos seus pais e nais ou titoras/es.

>Que non xoguen co noso corpo!

Fica claro que esta norma, lonxe de diminuír o número de abortos, vai aumentar os abortos clandestinos e de risco, especialmente para as persoas con menos recursos, facéndonos xogar coa nosa saúde sen ningún tipo de reparo. Quizais, onde debería reparar o Goberno é na necesidade da educación sexual e na recuperación dos centros Quérote no noso país.

Esta reforma supón un verdadeiro atentado contra a soberanía dos nosos corpos. É por iso que cómpre seguir mobilizándose e loitar para a derrogación desta reforma e o sistema patriarcal!
Soberanas. En nós non manda ninguén!