Elvira Blanco. responsábel nacional de Ecoloxismo de Galiza Nova (Foto de Carmela Queijeiro)

“A situación colonial da Galiza tamén afecta ao medio” Artigo de Elvira Blanco

Elvira Blanco. responsábel nacional de Ecoloxismo de Galiza Nova (Foto de Carmela Queijeiro)

O mes de febreiro comezaba coa nova de que Portugal conxelaría a superficie de plantación de eucalipto ata o ano 2030. Actualmente, Portugal conta con arredor de 812.000 ha de eucaliptos, o cal supón o 9% do seu territorio. Mais con esta medida o goberno portugués non só pretendía parar a expansión do cultivo de eucaliptos, se non tamén frear graves incendios forestais (unha lacra que tamén asedia Galiza todos os anos) e propiciar o aumento da superficie arborada de piñeiros bravos, sobreiras e carballos.

Fronte a esta resolución aplaudida polo Bloco de Esquerda, o PCP e varios colectivos ecoloxistas, a situación na Galiza é moi diferente. Diversas accións postas en marcha da man do Partido Popular situaron o noso País á cabeza da produción estatal de eucalipto. E é curioso o feito de que o estado español sexa o segundo produtor mundial de eucalipto, unicamente por detrás de Australia, e que en Galiza aumentaran en máis de 460.000 as hectáreas de eucaliptos nuns 30 anos, en detrimento do solo agrario, do cal se perderon arredor de 290.000 ha.

Paralelamente, segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, a contaminación das grandes industrias galegas aumentou. O informe sitúa a Galiza no primeiro posto en emisións de flúor, mercurio e compostos perfluorocarbonados, e no segundo de CO2, SO2, gases de efecto invernadoiro, substancias acidificantes e compostos clorados. Todo isto fai que o país galego sexa a segunda zona máis contaminada da Península.

Hai máis: gran parte dos ríos están empresados e os montes cheos de aeroxeradores, producimos ata un 40% de excedente en enerxía eléctrica pero pagamos máis ca noutros lugares do Estado que non producen. O cancro de SOGAMA continua coa súa teima de estenderse por todo o país: a medida que vai minguando a capacidade da planta de Cerceda, son máis as localizacións nas que se pretende soterrar e queimar toneladas e toneladas de lixo, sen ter en conta os efectos que esta forma de tratar os refugallos ten sobre os ecosistemas galegos. E, segundo a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en Galiza son xa 8 as especies extintas. Ademais, están documentadas outras 65 especies (40 de flora e 25 de fauna) en risco de extinción. A situación empeora co paso dos anos e seguirao a facer mentres non se apliquen medidas que freen as agresións ao medio galego e restauren os hábitats danados.

Hoxe, 5 de xuño, celebramos o día Mundial do Medio, na mesma semana en que Donald Trump anunciaba a retirada dos Estados Unidos do Acordo Climático de París. Mais a diferenza das grandes potencias mundiais, as cales continuaron a desenvolverse economicamente en detrimento do bo estado do seu medio natural, na Galiza non se apreciaron melloras nos datos de ocupación laboral. Galiza é o polígono ás aforas da cidade en que se colocan todas as industrias para que aos señoritos da capital non lles molesten as vistas nin os fumes.

En definitiva, Galiza é un territorio colonizado, degradado e espoliado, completamente ao servizo do grande capital.A falta de medidas do goberno galego que equilibren desenvolvemento e sustentabilidade supón un condicionamento do medio natural galego e, polo tanto, un condicionamento do futuro da mocidade na Galiza.

Nun día coma o de hoxe, debemos seguir a demandar medidas que camiñen cara unha Galiza sustentábel, e isto pasará por superar o mantra capitalista de que o crecemento económico é a única vía de progreso, así como por rachar coa nosa situación colonial na que os grandes poderes non gardan o máis mínimo respecto polo noso medio e só se interesan por xerar beneficios a costa del. É necesaria a posta en marcha de políticas sustentables que permitan aproveitar os nosos recursos de xeito eficiente e sen prexudicar o medio.